Chega o segundo número da revista en papel especializada en artes escénicas. Para mergullar en todo o que arrodea ao teatro, os lectores e lectoras atoparán dende investigacións xornalísticas que tornan en espectáculos ata deseño gráfico e, por suposto, moitas crónicas e entrevistas
Alén dos escenarios hai moito teatro e na tentativa de achegar a todo o público —o que xa senta no patio de butacas máis o que aínda non sabe que tamén é o seu lugar— nace Táboas: un mapa para transitar polas artes escénicas, que nun xeito amplo de entendelas abranguen tanto coma o mundo. Esta revista especializada (en soporte físico e integramente en galego, por suposto) nacía a finais do pasado 2021 e, no último mes do 2022, vimos de publicar un segundo número. E así estreamos o 2023, entre as páxinas de Táboas, papel e teatro.
Para pechar o que foi o ano do centenario de María Casares, a gran actriz galega que segue a simbolizar o republicanismo e o exilio, temos unha chea de contidos para achegármonos a esta figura. Repasamos nun artigo os lugares que marcaron a súa vida, dende a súa A Coruña natal ata o París onde naceu como artista; entrevistamos á Doutora en Literatura Francesa María Lopo, unha das persoas que máis teñen estudado e escrito sobre a senlleira actriz; e Melania Cruz relátanos a súa vivencia como protagonista do espectáculo Continente María.
O teatro é a arte do tempo e nestas páxinas non podían faltar crónicas. Táboas relata dende unha butaca como foron algunhas pezas como O refuxiado, dirixida por Andrés Mahía, ou Fariña, o espectáculo teatral, baseada no exitoso libro de Nacho Carretero, pero collen nesta revista acontecementos tan grandes coma un festival. O Castelo Conta, un evento que pon o foco na cultura rural e na tradición oral, tamén se conta dende a escrita.
En Táboas podemos ler ata sobre fútbol, e sen necesidade sequera dunha sección de deportes. Todo se abre camiño no teatro cando hai alguén que quere pasar por el. Entrevistamos a Nacho Carretero para coñecer a súa visión sobre “o deporte rei”, viaxamos no tempo uns meses atrás para rememorar a singular estrea de Recortes e ata descubrimos cal é a relación entre Fran Núñez, director do CDG, e o fútbol.
Proximamente, ao papel se unirá unha versión dixital, de libre acceso para todo o mundo. Desfrutar das artes escénicas é ver e escoitar, pero tamén ler. As posibilidades son todas as que sexamos capaces de pensar e a arte, para todos e todas ás que sexamos capaces de chegar.
Facer as cousas ben
Ao igual que as artes escénicas, Táboas non só son palabras. O coidado deseño gráfico e as moitísimas fotografías que contén (realizadas por Aigi Boga, Paula Correa, Luana Santos e Ruth Beltrán) buscan que quen le se acomode, rematan de construír o teatro destas páxinas e dan paso ao público.
Porque crear non é só intérpretes actuando para un grupo de xente. Crear implica moito máis e, xa que como humanos temos a sorte de contar coa linguaxe verbal, a comunicación en calquera canle cómpre coidala. Como pregoa o editorial deste segundo número de Táboas, “é cultura, e trátase de facelo ben”.