Touriñán visitará o FIC Vía XIV para presentar ‘Nena’ e ‘Aquí Tou!’
O 31 de agosto, Verín acolle esta dobre cita co actor e director. 'Nena' proxectarese pola tarde e o monólogo comezará a partir das 22.15 h no Auditorio Municipal de Verín.
O festival verinés celebra a súa 9ª edición do 29 de agosto ao 8 de setembro con novidades na súa programación e unha data moi especial, o 31 de agosto, Xosé A. Touriñán será o protagonista na súa dobre faceta de cómico e director. O festival proxectará Nena, curtametraxe na que debutou na dirección, e, ese mesmo día, o cullerdense representará o seu monólogo Aquí Tou!. O espectáculo, que vén de rematar a súa xira o pasado mes en Ribadeo, acumula máis de 20.000 espectadores desde a súa estrea, con funcións cheas alí por onde pasou.
Nena chega ao festival de Verín despois de máis de 30 seleccións por festivais de todo o mundo, resultando premiada en 10 ocasións. A curtametraxe continúa a súa andaina polos festivais logo da súa estrea na pasada edición do Castelo Conta. Touriñán, quen tamén interpreta un dos protagonistas, dirixe xunto a Jairo Iglesias esta historia sobre os coidados, os afectos e a infancia. Situada no rural galego, a curta producida por Undodez e Mordisco Films, roudouse en Mondoñedo no 2021, estreándose ao ano seguinte.
Sobre ‘Nena’
Nena é unha curtametraxe que nos achega unha realidade social e cultural coa que conviven moitas familias. Unha peza audiovisual que afonda na perpetuación dos roles de xénero na esfera privada, se cadra, máis notorios que na pública; sobre as consecuencias de eludir responsabilidades e sobre o valor do compromiso.
Esta curtametraxe supón o debut na dirección de Xosé A. Touriñán, quen tamén protagoniza esta peza xunto coa súa filla Antía, Carlos Blanco e David Perdomo. Unha historia que fala da perda e dos afectos desde o punto de vista dunha nena de 12 anos. Un relato que, se apoia na comedia para falarnos de traxedia. Unha contraposición de termos que emprega o humor como valor engadido, como un recurso máis no medio dunha aprendizaxe cotiá e sen límites, implícita no mero feito de vivir. Nena é un convite á reflexión crítica, mais tamén á posibilidade de facelo dun xeito humano e desdramatizado.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.
‘Amoriños’ chega a Cee e Vigo con cheos absolutos e suma novas funcións en Pontevedra e A Coruña
A xira de ‘Amoriños’, continúa esta fin de semana en Cee e Vigo, con case todas as entradas esgotadas. O espectáculo amplía ademais o seu percorrido con novas datas en Pontevedra e unha quinta función no peche da Coruña.
Xosé A. Touriñán súmase a ‘Chisteria Colectiva’, unha das grandes apostas do EMHU 2026
O humorista participa no espectáculo colectivo xunto a outros grandes nomes da comedia estatal, unha estrea absoluta no marco do encontro que xa colgou o cartel de entradas esgotadas para as súas dúas funcións en Palexco.



