O Castelo Conta é un festival sen ánimo de lucro que promove a cultura rural, a tradición oral, as artes escénicas e o respecto polo medio natural.
Celébrase a finais de agosto na parroquia de Castelo (Culleredo), da que é veciño Xosé A. Touriñán, o director do festival. Xurdiu dun espectáculo de monólogos que organizou o actor e humorista para contribuír a pagar as festas parroquiais e acabou converténdose nun festival que enche durante unha semana este lugar do rural de actuacións musicais, espectáculos teatrais e moito máis.
A programación é moi diversa e acolle a todo tipo de públicos, desde os máis novos ata os mais maiores. Para a cativada desenvólvese un campamento infantil durante os días da semana, ademais de concertos e obras teatrais específicas para estas idades. Como parte da preocupación pola preservación da cultura oral, realízase en todas as edicións un ciclo de coloquios, aínda que mellor se lle poderían chamar xuntanzas veciñais, conducidos polo actor e profesor Tone Martínez. Nestas conversas a xente maior é a protagonista e fala sobre como era a vida antes. Porén, cativos e maiores non quedan relegados a estas actividades, senón que a riqueza do festival consiste na integración e o intercambio entre todas as xeracións.
A localización do festival, ao pé do monte Xalo, fai deste un festival integrado no medio natural. O compromiso do Castelo Conta coa sostibilidade tradúcese non só nos contidos da programación e nas actividades de concienciación e educación medioambiental, senón tamén no xeito de desenvolvelas, como a iniciativa #SenPlásticoNoMonte.
A veciñanza de Castelo é clave para facer posible este evento cultural e participa da organización a través da Comisión de Festas, ceden as súas leiras para a realización de actividades, pagan cotas e colaboran como voluntarios.