Marta Pérez Torre (Santiago de Compostela, 1984) é Marta Doviro, un nome artístico que toma da súa familia paterna, orixinaria de Viro, en Outes. É actriz, cómica e presentadora de televisión con máis de dez anos de experiencia.
Ten participado en películas, curtametraxes, webseries e series da Televisión de Galicia con papeis relevantes en Pazo de Familia, A lei de Santos ou Luci. Catro nomeamentos a Mellor Comunicadora nos Mestre Mateo avalan o seu labor como presentadora de máis dunha decena de programas de entretemento e divulgación como Unha viaxe para contar, Malo Será, Máis Galego, Luar, Feirantes, Gastrópodos, De quen vés sendo?, Somos ben curiosos ou A mochila do Viaxeiro.
No teatro participou en varias montaxes xunto á Aula de teatro universitario de Ourense ao cargo de Fernando Dacosta e na montaxe infantil E se os soños se cumpren, da compañía O Garaxe Hermenéutico. O seu último reto é a comedia e fai gala dela no seu propio espectáculo Memorias dunha rapasa da costa, e noutros dous cos que comparte escenario coas actrices Carmen Méndez e Ledicia Sola: Sen Restricións e As R(h)umorosas.