O bo humor chega este verán con Comicamente

Un total de 12 vilas e cidades galegas acollerán este ciclo de comedia ao aire libre

Conta con Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco e Luis Piedrahita entre outros grandes cómicos e cómicas

Carlos Blanco, Lucía Veiga e Xosé A. Touriñán durante a presentación de Comicamente. Foto: Aigi Boga

Encher Galicia de risa

Este xoves, día 22, tivo lugar na Cidade da Cultura a presentación de Comicamente, un ciclo de espectáculos de comedia que viaxará por 12 vilas e cidades galegas ao longo deste verán. O acto contou coa presenza de Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Lucía Veiga, Jacobo Sutil, director da Agadic, e o Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade Román Rodríguez.

Despois dun ano tan difícil, o impulso dunha serie de espectáculos de humor destas dimensións é preciso para a recuperación non só do sector senón de toda a sociedade. A comedia é unha das pezas chave na recuperación do ánimo e o benestar emocional das persoas. Como ben dixo Xosé A. Touriñán durante esta presentación: “logo de máis dun ano sen poder actuar diante da xente, temos moitas ganas de contar e de entreter. Quédanos moito que rir!”.

“Temos moitas ganas de contar e de entreter. Quédanos moito que rir!”

Xosé A. Touriñán.

O proxecto nace da unión das tres produtoras con maior capacidade de distribución de espectáculos de comedia en Galicia: Ainé Producións, Condetrespés e Etiqueta Negra. Xuntas impulsan este ciclo de comedia que reúne os mellores cómicos e cómicas do pais: Carlos Blanco, Xosé A. Touriñán, Luis Piedrahita, Lucía Veiga, David Amor, Oswaldo Digón, Carmen Méndez, Celso Sanmartín, Marta Doviro, Pepo Suevos, Ledicia Sola ou Marita Martínez serán algúns dos participantes.

Xosé A. Touriñán, Román Rodríguez, Lucía Veiga, JAcobo Sutil e Carlos Blanco no acto de presentación de Comicamente. Foto: Aigi Boga

Comicamente está incluído dentro da progamación do Xacobeo 21-22, co obxectivo de promocionar a cultura e poñer en valor o traballo dos cómicos e traballadores do sector. Ademais deste apoio do goberno galego, o proxecto conta co patrocinio de Estrella Galicia, Deleite e Gadis. Súmanse todos eles dentro dos seus programas de apoio á cultura e os espectáculos galegos.

O bo humor chega ás 4 provincias

Comicamente estará presente en doce vilas e cidades galegas co obxectivo de contaxiar a risa por toda a nosa xeografía. Os espectáculos terán lugar en espazos ao aire libre, en recintos deseñados para garantir a comodidade do público respectando todas as normativas de seguridade sanitaria.
As entradas, imaxes e toda a información das diferentes datas está disponible en comicamente.gal e nas redes sociais Facebook, Twitter e Instagram.

Artigo anterior
‘Nena’, producida por Touriñán, entre as obras impulsadas pola Agadic
Artigo seguinte
Xosé A. Touriñán obtén o Premio RiR Contigo

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » O bo humor chega este verán con Comicamente