Comicamente, un verán para a recuperación do bo humor

Comicamente foi unha aposta por recuperar a comedia en directo logo do parón provocado pola crise da Covid-19

Congregou máis de 12.000 espectadores de toda Galicia en 12 espectáculos ao aire libre

Entrada ao recinto de Comicamente instalado no Parque de Bens da Coruña. Foto: Aigi Boga

Recuperar o bo humor, ese era o obxectivo de Comicamente logo de tantos meses complicados para todo o mundo. A volta aos escenarios, a programación de espectáculos de comedia para grandes públicos e a reactivación da actividade cultural foron as claves que uniron a Ainé con Etiqueta Negra e Condetrespés para poñer en marcha esta xira durante o verán de 2021.

A proposta era clara, programar espectáculos de comedia para todo o público do país, con todas as garantías sanitarias precisas para seguir avanzando cara unha nova normalidade na que poder volver encher teatros e auditorios. Así, os espectáculos configuráronse en grandes recintos ao aire libre en doce vilas e cidades das catro provincias.

Xosé A. Touriñán, Carlos Blanco, Luis Piedrahita, Lucía Veiga, David Amor, David Perdomo, Oswaldo Digón, Marta Doviro, Celso Sanmartín, Ledicia Sola, Carmen Méndez, Marita Martínez e Pepo Suevos encargáronse de contaxiar a risa e o bo humor. A presenza da música era importante para contribuír ao ambiente de festa, máis necesario ca nunca este verán, veu da man das dj’s Russinha e Toccororo.

“Os sanitarios xa fixeron o seu traballo, agora tócanos a nós, ás cómicas, poñer esta terceira dose, a da risa e a comedia”

Carlos Blanco
Carlos Blanco no escenario de Comicamente. Foto: Aigi Boga

O público respondeu á chamada

Ao longo de sete semanas, Comicamente viaxou por toda Galicia contaxiando a comedia e a risa. O Carballiño, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Mondoñedo, Ferrol, Nigrán, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Lalín foron as localidades que acolleron a xira deste verán. En total, máis de 12.000 espectadores acudiron aos espectáculos.

As prazas enchéronse de risas e música, incluíndo lugares tan icónicos como a Praza de Armas de Ferrol, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela ou o Parque de Bens da Coruña, que por vez primeira acolleu un evento cultural. As entradas agotáronse en practicamente todas as funcións, o que dá conta do interese que levantou esta iniciativa.

“Temos moitas ganas de contar e de entreter. Quédanos moito que rir!

Xosé A. Touriñán
Presentación do ciclo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Foto: Aigi Boga

Gran expectación mediática

Un ciclo como Comicamente, cos grandes nomes da comedia galega, logo de case un ano sen grandes espectáculos en directo, recibiu moita atención dos medios de comunicación. La Voz de Galicia, El Progreso, Faro de Vigo, Atlántico, Cadena SER ou a Televisión de Galicia foron algúns dos medios que conversaron cos protagonistas e fixeron seguemento das actuacións.

Comicamente é un agasallo para nós e para o público

David Amor
David Amor na Praza de Armas de Ferrol. Foto: Yeray Diéguez

Desde a presentación na Cidade da Cultura, os medios galegos volcáronse na cobertura dun evento que non só xuntaba grandes artistas, senón que propuña espectáculos de gran formato ao aire libre, con música en directo e, en moitos casos, en lugares nos que non se programaran antes eventos culturais.

Entre todos recuperamos a comedia en directo

Xosé A. Touriñán no Parque de Bens da Coruña. Foto: Aigi Boga

Unha das chaves do humor é pasalo ben para poder facer rir. Pasalo ben fai máis levadeiro o traballo, pero non fai que sexa menos e Comicamente foi un traballo duro pero bonito e divertido. Feito coas e cos mellores artistas e técnicos e compartindo a experiencia con Condetrespés e Etiqueta Negra.

Non sería posilbe sen o apoio da Xunta de Galicia, que incluíu Comicamente no programa de actividades culturais para promocionar o Xacobeo 21·22. Nin tampouco sen a colaboración de Estrella Galicia, Deleite e Gadis, empresas galegas que co seu apoio axudan a que a cultura galega teña presenza e proxección ano tras ano.

E, por riba de todo, non sería posible sen o público que encheu os recintos de Comicamente e segue a encher os teatros, auditorios e salas para seguir desfrutando da comedia, o teatro, a música e todas as manifestacións culturais que fan mellor o noso día a día.

Entrada anterior
Touriñán convoca centos de afeccionados no encontro con #UNDOSMEUS
Artigo seguinte
Chega ‘Somos Criminais 3’, o novo espectáculo de Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Comicamente, un verán para a recuperación do bo humor