Lidia Veiga

Lidia Veiga (Arzúa, 1997) é unha actriz, locutora e creadora cultural galega, licenciada en Interpretación Xestual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESADg). A súa traxectoria abrangue teatro, cine, televisión e proxectos dirixidos ao público infantil, combinando creación escénica, audiovisual e labor pedagóxico.

No ámbito teatral participou en montaxes como Camiños, de ButacaZero, O premio, de Quintana Teatro, e Iribarne, coprodución de ButacaZero e o Centro Dramático Nacional, pola que é candidata aos Premios MAX á Mellor Interpretación Feminina e aos Premios María Casares como Mellor Actriz Protagonista.

No audiovisual formou parte de series da Televisión de Galicia como A Lei de Santos e Método Criminal, así como de máis de quince curtametraxes, entre as que destacan Onde dormen as gaivotas ou O que queda de nós. No cinema participou en longametraxes como Os Argonautas e a moeda de ouro (Portocabo, RTVE e Clan TV), Matria, de Álvaro Gago, e Cando toco un animal, de Ángel Filgueira, o seu primeiro papel protagonista no cine, polo que foi nominada aos Premios Mestre Mateo.

Paralelamente ao seu traballo interpretativo, colabora como locutora e creadora de contido no podcast semanal O Exército Mekemeke, nominado a Mellor Podcast en Lingua Cooficial do Estado nos Premios Ondas. Desenvolve tamén unha intensa actividade pedagóxica como profesora de teatro en asociacións culturais e centros educativos, tanto con público infantil como con persoas con diversidade funcional, cunha especial implicación na dinamización cultural da súa vila natal.

Na actualidade, interpreta a Ava, a acompañante da Banda do Bosque no espectáculo infantil Bibopalula · O Espectáculo, un proxecto no que combina música, interpretación e contacto directo co público familiar.

FOTOS

VÍDEOS

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Índice » Lidia Veiga
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.