Bibopalula chega ao ecuador da súa xira de inverno
A xira de inverno de 'Bibopalula · O Espectáculo' alcanza esta fin de semana o seu ecuador con dúas citas destacadas en Santiago de Compostela e A Coruña. A Banda do Bosque continúa así o seu percorrido polos escenarios galegos cunha proposta musical e teatral pensada para o público infantil e familiar.
Despois das funcións celebradas nas últimas semanas, Bibopalula · O Espectáculo chega a Santiago de Compostela este sábado 27 de decembro ás 19.00 cunha representación no Auditorio de Galicia, no marco da programación da Festa do Apego 2025. Ao día seguinte, o domingo 28 ás 12.30, a Banda do Bosque fará parada na Coruña cunha función en Palexco, nunha fin de semana clave dentro do calendario da xira.
Estas dúas citas marcan o ecuador dun percorrido que está levando o universo de Bibopalula por distintos puntos de Galicia durante os meses de inverno. Tras as funcións de Santiago e A Coruña, a xira encamíñase xa cara á súa recta final, que terá lugar en Vigo o vindeiro 2 de xaneiro ás 17.30 no Teatro Afundación.
Con dirección e texto de Marta Lado, Bibopalula · O Espectáculo propón unha aventura escénica na que Ava guía a Robin, Carpin, Pegui e Merli nunha misión chea de descubrimentos arredor da natureza, os cambios meteorolóxicos e a vida no bosque. No escenario, Lidia Veiga dá vida a Ava, acompañada por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez, que interpretan á Banda do Bosque.
A proposta combina teatro, música en directo e unha coidada estética visual, apoiándose en doce cancións orixinais que xa forman parte do imaxinario do público da serie. Pensado para nenas e nenos de entre 2 e 6 anos, o espectáculo ofrece unha experiencia inmersiva que convida a compartir, cantar e descubrir en familia.
As entradas poden adquirirse a través da web do espectáculo: www.bibopalula.gal/espectaculo.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



