‘Amoriños’ pecha a súa primeira xira con catro funcións finais en Palexco
Despois dun percorrido marcado polos cheos e pola resposta entusiasta do público, o novo espectáculo escénico de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, remata a súa primeira xira esta fin de semana na Coruña.
Amoriños botou a andar o pasado mes de novembro como unha proposta completamente nova para Touriñán e Perdomo. Tras o éxito de Corentena e Corentena · Game Over, o dúo regresou ás táboas cun espectáculo centrado no territorio máis perigoso de todos: o amor. Citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que nunca deberían xuntarse (pero que se xuntan igual) artellan un First Dates á galega no que o humor salvaxe convive coa emoción e coa improvisación.
O que comezou como unha proposta novidosa, estreada directamente na primeira parada da xira, Noia, converteuse función tras función nun espectáculo en constante crecemento. Amoriños foi collendo forma sobre o escenario, alimentándose da resposta do público e do carácter vivo da improvisación, facendo que cada pase fose distinto ao anterior. A complicidade entre Touriñán e Perdomo, xunto coa implicación do público, acabou por definir unha xira marcada polo ritmo, a sorpresa e a sensación de estar a asistir a algo irrepetible.
Ese camiño, que percorreu tamén Vigo, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela, desemboca agora na súa despedida na Coruña, con catro funcións en Palexco (sábado 27 de decembro ás 18.30 e ás 21.00, e domingo 28 ás 19.00 e ás 21.30) que chegan practicamente con localidades esgotadas. Un final de xira que funciona tamén como celebración dun espectáculo que atopou o seu lugar desde o primeiro momento.
Con textos e dirección asinados polos propios protagonistas, Amoriños contou co asesoramento de dirección de Noemí Rodríguez e coa dirección de produción de Laura Canto, ademais do equipo técnico habitual das producións de Ainé. Un traballo colectivo que sostivo unha proposta na que o humor, a emoción e a improvisación fixeron do amor (na súa versión máis absurda) o gran motor da escena.
Este final de xira marca o peche dunha primeira etapa para un espectáculo que naceu directamente do encontro co público e que foi collendo forma función tras función, alimentado pola improvisación e pola complicidade característica da parella artística, ata consolidarse como unha das propostas teatrais máis destacadas do outono.
As últimas entradas dispoñibles poden adquirirse a través da web do espectáculo: amorinos.info
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



