A Banda do Bosque volve ás táboas este inverno
Tras o éxito da súa primeira xira, 'Bibopalula · O Espectáculo' inicia unha nova tempada entre novembro de 2025 e xaneiro de 2026. A Banda do Bosque e a súa acompañante, Ava, regresan coa xa recoñecida proposta pensada para cativas e cativos.
Ava e a Banda do Bosque regresan este inverno aos teatros galegos con Bibopalula · O Espectáculo, unha proposta musical de gran formato que conquistou milleiros de familias na súa primeira xira. Tras percorrer Galicia o pasado verán, a aventura escénica de Bibopalula retoma o seu camiño con funcións durante a tempada de frío, nunha nova oportunidade para que o público infantil viva en directo a maxia do bosque.
A nova xira comezará no marco do Culturgal, o 30 de novembro en Pontevedra. Despois desta primeira parada, o espectáculo seguirá o seu camiño por Vilagarcía, o 20 de decembro no Auditorio Municipal; chegará a A Coruña o 28 de decembro cunha función en Palexco; e pechará esta primeira quenda en Vigo, o 2 de xaneiro de 2026, no Teatro Afundación.
Con dirección e texto de Marta Lado, o espectáculo continúa a expandir o universo da serie producida por Undodez e a Televisión de Galicia. No escenario, Lidia Veiga volve interpretar a Ava, unha apaixonada observadora de paxaros que guía ás pequenas e pequenos espectadores nunha nova aventura xunto a Robin, Carpin, Pegui e Merli, interpretados por Cristina Andrade, Graciela Carlos, Sara Ferro e Nerea Rodríguez. A través dunha misión encomendada polo Señor Moucho, a Banda do Bosque vai na procura dun misterioso tesouro que os levará a explorar os segredos da natureza, os cambios meteorolóxicos e a vida que agroma entre as árbores.
A peza inclúe doce cancións orixinais, xa familiares para o público da serie e do espectáculo. A proposta combina humor, tenrura e unha estética moi definida que ofrece unha experiencia teatral inmersiva, pensada especificamente para nenas e nenos de entre 2 e 6 anos.
Bibopalula · O Espectáculo chega así á súa segunda etapa consolidado como un dos grandes proxectos escénicos familiares en galego, ofrecendo unha experiencia divertida, musical e emotiva que invita a descubrir o bosque con novos ollos.
As entradas para A Coruña estarán dispoñibles próximamente, e para o resto das funcións xa se poden adquirir a través da web do espectáculo: www.bibopalula.gal/espectaculo/
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



