‘Amoriños’ arrinca con éxito e multiplica funcións: novas citas para unha comedia que esperta paixóns
Despois da súa estrea en Noia, onde as entradas xa están esgotadas, o espectáculo continuará a súa xira polo país: Vigo, Vilagarcía, Santiago e A Coruña suman novas funcións ante a gran acollida do público.
Amoriños, a nova creación escénica de Xosé A. Touriñán e David Perdomo, aínda non botou a andar e xa é un fenómeno. A primeira parada da xira, este venres 21 de novembro en Noia, conta xa con todas as entradas esgotadas, marcando o ton do que está por vir: unha xira con cheos e un público con moitas ganas de reencontrarse con este dúo humorístico.
A demanda non tardou en notarse no resto das cidades, onde se multiplicaron as funcións inicialmente previstas. Esta fin de semana tamén nos agarda Vigo, o domingo 23 de novembro, onde xa hai aberta unha segunda función. En Vilagarcía a resposta está sendo similar, chegando a completar dúas datas e sumando un novo pase o venres 12 de decembro. En Santiago as localidades avanzan ao mesmo ritmo, con dispoñibilidade xa moi limitada, e na Coruña, onde tamén se cubriu todo moi rápido, engadiuse unha terceira función. O interese crecente do público consolida Amoriños como unha das propostas teatrais máis esperadas da tempada.
Amoriños presenta encontros absurdos, citas tolas e paixóns imposibles, cunha mestura de improvisación, humor salvaxe e emoción que caracterizan o traballo da parella artística. Touriñán e Perdomo, coa súa complicidade habitual, prometen funcións nas que sempre hai lugar para o inesperado e para esa enerxía que fai que o público saia coa risa posta.
O espectáculo combina textos orixinais e dirección dos propios protagonistas co asesoramento de Noemí Rodríguez, estará percorrendo Galicia ata finais de decembro. As entradas pódense conseguir a través da web oficial: www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.



