‘Moito Conto’: unha gran noite de comedia chega este sábado ao Culturgal
O público da feira poderá gozar este sábado dunha proposta única: un encontro escénico no que o humor, a improvisación e a música en directo se combinan para ofrecer unha noite chea de ritmo e sorpresas.
O humor será protagonista no Culturgal 2025 grazas a Moito Conto, unha proposta que reunirá no mesmo escenario a algúns dos nomes máis recoñecidos da comedia en Galicia. O espectáculo, que será conducido por Xosé A. Touriñán, celebrarase o sábado 29 de novembro ás 21.00 no Pazo da Cultura de Pontevedra.
A esta noite especial súmanse David Amor, Patricia Castrillón, Marita Martínez e Pablo Meixe, artistas que representan o talento e a vitalidade da escena humorística galega. Entre monólogos, xogos cómicos e momentos de improvisación, Moito Conto propón un encontro no que cada artista aporta o seu estilo e personalidade, garantindo un ritmo áxil e unha sucesión constante de risas.
Un dos grandes atractivos do espectáculo será a presenza musical de Galifunk Brass, que acompañará en directo a todo o elenco. A súa enerxía e o seu son característico contribuirán a crear un ambiente festivo e dinámico, reforzando o carácter transversal desta proposta na que humor e música dialogan de maneira natural.
As entradas para o espectáculo e para o conxunto da feira están dispoñibles en www.cultur.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



