‘Aquí Tou!’ chega esta fin de semana á Estrada á Rúa
Despois de abrir en Ribadumia a súa xira de outono con gran acollida, ‘Aquí Tou!’, o monólogo máis persoal de Xosé A. Touriñán, continúa o seu percorrido por Galicia. Esta fin de semana toca dobre parada, con case todas as localidades esgotadas para as catro funcións programadas.
O público respondeu con entusiasmo ao regreso de Aquí Tou! aos escenarios na pasada fin de semana, confirmando o éxito do monólogo máis persoal de Xosé A. Touriñán. O espectáculo continúa agora a súa ruta polos teatros galegos e fará parada esta fin de semana en A Estrada e A Rúa, con catro funcións que prometen volver encher os auditorios de humor, emoción e complicidade.
Desta volta, a parada será dobre. Este venres 14 de novembro, o Teatro Principal da Estrada acollerá dúas funcións, ás 20.30 e ás 23.00, ambas con todas as entradas esgotadas. Ao día seguinte, sábado 15, o espectáculo chegará ao Centro Cultural Avenida da Rúa, onde haberá tamén dúas sesións, ás 18.30 e ás 21.00, coas últimas localidades dispoñibles.
En Aquí Tou!, Touriñán percorre con humor e tenrura os momentos máis significativos da súa vida, mesturando realidade e ficción, anécdotas persoais e cultura popular galega. O resultado é un retrato vital no que o público se recoñece, participa e se emociona, mantendo o espírito próximo e festivo que define o seu humor.
O espectáculo, escrito xunto a José L. Prieto, continúa a consolidarse como un fenómeno teatral galego, con máis de trinta e cinco funcións e milleiros de espectadoras e espectadores desde a súa estrea.
As seguintes paradas serán Vimianzo, Rianxo, Ribeira e Salceda de Caselas. As últimas entradas poden adquirirse a través da web do espectáculo, aquitou.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.



