Ainé leva o humor e a música ao Culturgal
A Feira das Culturas Galegas inclúe dúas das nosas propostas na súa programación: 'Moito Conto', unha noite de comedia con grandes da escena humorística galega, e 'Bibopalula · O Espectáculo', unha proposta familiar que combina teatro, música e imaxinación.
A Feira das Culturas Galegas, Culturgal, celebrará este ano a súa nova edición os días 28, 29 e 30 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, convertendo de novo a cidade nun punto de encontro entre o público, o desfrute e a cultura.
Entre a ampla programación de espectáculos, presentacións e actividades, Ainé estará presente con dúas propostas ben diferentes que farán gozar da experiencia a todos os públicos.
Sábado 29 · Moito Conto
A noite do sábado chegará con risas aseguradas da man de Moito Conto, unha gran noite de comedia conducida por Xosé A. Touriñán e coa participación de David Amor, Pablo Meixe, Marita Martínez e Patricia Castrillón, acompañados pola música en directo da Galifunk Brass. Será unha cita chea de historias, improvisación e risas, que terá lugar o sábado 29 ás 21.00 e que promete unha noite inesquecible.
Domingo 30 · Bibopalula · O Espectáculo
O domingo pola mañá será a quenda de Bibopalula · O Espectáculo, unha proposta familiar que enche o escenario de música, teatro e fantasía. Dirixida a nenas e nenos de entre 2 e 6 anos, esta obra invitará a cantar, rir e descubrir a vida do bosque a través das súas cancións e personaxes. A función celebrarase o domingo 30 ás 12.00, poñendo o broche máis musical á fin de semana.
Culturgal 2025
Organizada pola Asociación Culturgal, presidida por Víctor López, a Feira reúne cada ano o mellor da creación cultural galega e serve de ponte entre artistas, profesionais e institucións.
As entradas e abonos para acceder á feira xa están dispoñibles en www.cultur.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



