‘Amoriños’ chega aos escenarios da man de Touriñán e Perdomo
Tras o éxito de 'Corentena' e 'Corentena · Game Over', Xosé A. Touriñán e David Perdomo regresan ás táboas con Amoriños, un espectáculo cheo de humor, improvisación e emoción, no que exploran o sentimento máis perigoso de todos: o amor.
Unha nova aventura está a piques de comezar sobre as táboas dos teatros galegos. Xosé A. Touriñán e David Perdomo poñen en marcha a súa nova proposta escénica: Amoriños. O dúo retoma a súa xa clásica complicidade e improvisación, agora centrados no tema máis universal e perigoso de todos: o amor.
Despois do éxito deste dúo en Corentena e Corentena · Game Over, Touriñán e Perdomo reencóntranse cun espectáculo sobre citas tolas, paixóns imposibles e encontros que non deberían suceder… pero suceden igual. Un First Dates á galega, con humor salvaxe, moito corazón e esa química inconfundible que caracteriza á parella artística.
Amoriños conta con textos orixinais e dirección dos propios protagonistas, co asesoramento de dirección de Noemí Rodríguez e dirección de produción de Laura Canto. O deseño de iluminación é de Gonzalo Porteiro, e o proxecto complétase cun equipo técnico e artístico habitual nas producións de Ainé, garantindo unha posta en escena coidada e chea de ritmo.
O lanzamento desta nova proposta marca o inicio dunha intensa tempada outonal, cunha xira que percorrerá diferentes puntos do país. O pistoletazo de saída será o 21 de novembro en Noia, e continuará ata finais de ano con paradas en Vigo (23 de novembro), Vilagarcía de Arousa (13 de decembro), Santiago de Compostela (14 de decembro) e A Coruña (27 de decembro).
Os cupidos do teatro, Touriñán e Perdomo, estrean con Amoriños unha nova etapa sobre as táboas, onde cada historia, cada encontro e cada personaxe conxugan o absurdo e a emoción nunha comedia sobre o que nos une (ou nos separa): o amor.
As entradas para estas funcións están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo: www.amorinos.info
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



