‘Aquí Tou!’ inicia en Ribadumia a súa xira de outono
Esta fin de semana, o 8 de novembro, Xosé A. Touriñán inaugura en Ribadumia a xira de outono de ‘Aquí Tou!’, o espectáculo que se converteu nun auténtico fenómeno teatral en Galicia. A nova etapa incluirá funcións ata finais de decembro en distintas localidades.
O Auditorio Municipal de Ribadumia acollerá este venres 8 de novembro o primeiro pase da xira de outono de Aquí Tou!, o monólogo de Xosé A. Touriñán que continúa a conquistar ao público galego.
Despois de xiras nas que percorreu máis de trinta e cinco escenarios e reuniu a milleiros de espectadores, o espectáculo regresa con novas datas e localidades: Ribadumia, A Estrada, A Rúa, Vimianzo, Rianxo, Ribeira e Salceda de Caselas serán as paradas desta nova etapa, que se prolongará ata finais de decembro.
As localidades para a maioría das funcións desta xira de outono están a esgotarse con rapidez, o que levou á apertura de segundas sesións en case todas as paradas. No caso de Ribadumia, o primeiro escenario desta nova etapa, as entradas voaron en poucas horas, anticipando un gran inicio de xira e confirmando o interese da xente por volver gozar en directo do espectáculo. Unha mostra máis da conexión que Touriñán mantén co público galego, que converte cada cita nun encontro de humor, emoción e complicidade.
En Aquí Tou!, Touriñán revisita con humor e tenrura a súa propia traxectoria vital, construíndo un relato no que realidade e ficción se entrelazan a través de anécdotas, lembranzas e cultura popular galega. Nesta nova etapa, o espectáculo continúa medrando en complicidade e reafirma o seu lugar como unha das propostas escénicas máis queridas e recoñecibles dos últimos anos.
As entradas para as próximas funcións están dispoñibles a través da web oficial do espectáculo, www.aquitou.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



