O Castelo Conta celebra o seu décimo aniversario con dez días consecutivos de programación
A pequena parroquia de Castelo acolle a maior programación cultural no rural en Galicia, con máis de sesenta artistas e espectáculos nunha decena de escenarios repartidos polas distintas aldeas, e a colaboración de máis de cen voluntarias e voluntarios.
A parroquia de Castelo, en Culleredo, acollerá do 22 ao 31 de agosto a décima edición do festival Castelo Conta, unha proposta cultural que desde hai unha década transforma esta aldea nun escenario no que conflúen música, teatro, tradición oral e gastronomía. O director do festival, Xosé A. Touriñán, presentou hai unhas semanas a programación acompañado de representantes das institucións e empresas colaboradoras, así como da veciñanza, verdadeira protagonista deste proxecto.
O Castelo Conta 2025 será a edición máis ambiciosa celebrada ata agora: dez días seguidos de programación, con ducias de actividades distribuídas por diferentes aldeas da parroquia e coa incorporación dun novo escenario ao aire libre no Monte Xalo, nos terreos do monte veciñal de Castelo.
Durante a fin de semana de apertura (22, 23 e 24 de agosto), este espazo acollerá concertos e espectáculos ao aire libre, con nomes como Carlos Núñez, Tanxugueiras, Ortiga, Sés ou Alana e co espectáculo de Bibopalula como gran reclamo para o público infantil.
Durante a semana as e os máis pequenos participarán nas actividades de Xente Miúda do Castelo Conta, a programación infantil do festival, retomaranse os Vermús na Taberna, con maridaxes gastronómico-musicais da man dos chefs dos restaurantes A Espiga, La Esquina de Valentina, Regueiro da Cova, Decánta-t, Ceibe, Culuca, A Artesa da Moza Crecha e A Horta do Obradoiro, e das formacións Pava, 9louro, Brais Morán & Nasaufunk, Abril e The Rapants, e polas tardes volverán os Contos de Castelo, espazo de conversa e memoria oral conducidos nesta edición por Óscar Cruz, Isabel Garrido, Fátima Pego, Tone Martínez, Marga Pazos, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán. Para as noites quedarán os concertos nas distintas aldeas de Castelo de De Vacas, Lisdexia, Monoulious DOP, ou unha gran foliada aberta e participativa.
O venres 29 de agosto chegará ao escenario da polideportiva de Castelo ‘Somos Criminais e punto final’, a última entrega do espectáculo de Touriñán e Carlos Blanco.
O sábado 30, ás citas gastronómicas e á andaina polas aldeas seguirá a Noite do Castelo Conta, o espectáculo máis esperado do festival, coas entradas xa esgotadas para desfrutar dos mellores humoristas galegos nunha noite de comedia irrepetible.
A programación desta edición inclúe tamén unha gala especial polo décimo aniversario do festival, pensada como homenaxe á veciñanza e ás persoas que fixeron posible o festival desde os seus inicios, e un fin de festa o domingo 31 de agosto coa tradicional Romaría de San Ramón.
Toda a programación e a información sobre entradas está dispoñible na páxina web do festival: www.casteloconta.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.



