‘Somos Criminais e punto final’ inicia en Santiago a súa última xira
Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán despiden desde esta fin de semana a triloxía máis exitosa do teatro galego en Santiago, Narón, Vigo, Vilagarcía e A Coruña. As entradas están á venda a través da web do espectáculo.
A derradeira viaxe a un novo planeta está a piques de despegar. Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán escollen ata principios do próximo mes de novembro ás afortunadas e afortunados que subirán na nave que levará o máis criminal da nosa forma de ser ao lugar que habitaremos cando neste mundo non haxa máis que facer.
Santiago (12 e 13 de setembro), Narón (27 de setembro), Vigo (4 e 5 de outubro), Vilagarcía (25 de outubro) e A Coruña (1 de novembro) son os lugares escollidos para a última xira de ‘Somos Criminais e punto final’, a terceira parte do espectáculo máis exitoso da historia do teatro en Galicia, que suma xa máis de 100.000 espectadores desde o 2018.
José L. Prieto é o autor, xunto con Carlos Blanco e Touriñán, da dramaturxia desta proposta, dirixida por Tito Asorey e que conta con Dani Juncal no deseño de iluminación, Carlos Alonso na dirección de arte, Santi Jul no deseño do espazo sonoro, e Laura Canto e Paco Abelleira na dirección de produción.
Ata o 1 de novembro, cando remate a xira na Coruña, o espectáculo reunirá nos teatros galegos a máis de 10.000 espectadoras e espectadores. As entradas están xa á venda a través da web do espectáculo.
A viaxe da nave Arteixo II
Falta pouco máis dunha hora para a fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a piques de despegar cuns poucos elixidos a bordo en dirección a un planeta onde empezarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Carlos Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación se leve a cabo con éxito e de meter nesta Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
A páxina recompila toda a información profesional do actor, director e produtor nun espazo renovado, accesible e estruturado arredor da súa traxectoria, proxectos e actividade actual.
A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
O espectáculo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia cun calendario que segue incorporando funcións ao longo de 2026 e comezos de 2027.
Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A banda ourensá opta ao galardón na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, reafirmando o seu lugar como un dos grandes referentes da festa e da música popular galega.



