‘O último home’ chega á Coruña cunha función no Fórum Metropolitano
Este sábado, o Fórum Metropolitano da Coruña acolle 'O último home', unha comedia poética de Manuel Cortés con dirección de Borja Fernández e música en directo de Russ. As entradas están á venda a través da web do espectáculo.
Este sábado, 20 de setembro ás 20:30 horas, o Fórum Metropolitano da Coruña acollerá unha cita única con O último home, un espectáculo que mestura teatro, humor, poesía e música electrónica en directo.
A proposta, que conta co apoio da Xunta de Galicia, arrinca dunha pregunta tan simple como potente: que pasaría se só quedase un ser humano na Terra? A resposta constrúese en escena a través dun artefacto cómico-poético con texto e interpretación de de Manuel Cortés e dirección de Borja Fernández, no que tamén participa a DJ Russ, achegando unha atmosfera sonora que combina tradición e vangarda.
O proxecto complétase cun equipo de profesionais como Laura Iturralde (iluminación), Carlos Alonso (espazo escénico), Elena Cortés (vestiario), Samuel Cortés (audiovisuais), e Laura Canto (produción), entre outros.
Tras estrearse en Vigo a comezos de ano e viaxar por Cangas no verán, O último home chega agora á Coruña cunha función que é toda unha oportunidade para descubrir unha experiencia escénica que, entre a risa e a reflexión, pon a poesía de volta no centro da escena e abre espazos para rir e pensar sobre o futuro da humanidade.
As entradas xa están dispoñibles en www.oultimohome.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



