Volve a festa da cultura no rural, volve o Castelo Conta

Concertos, monólogos, teatro, gastronomía, actividades na natureza, obradoiros… Do 19 ao 25 de agosto Xosé A. Touriñán e os seus veciños de Castelo (Culleredo) organizan un dos festivais máis singulares de Galicia.

A compañía Ghazafelhos foi a encargada de inaugurar a programación teatral da pasada edición. Foto: Aigi Boga

O Castelo Conta, celebrado na aldea natal de Xosé Antonio Touriñán, xa se converteu nun dos festivais galegos de referencia despois de oito anos de traxectoria. Nesta novena edición as casas e as eiras da parroquia de Castelo volverán a converterse no escenario dunha multitude de concertos, espectáculos de artes escénicas e actividades para os máis cativos. Todo baixo o carácter xubiloso que caracteriza o festival, o respecto polo medio natural e tamén pola tradición galega. 

Ademais de consolidarse as propostas de anos anteriores como os Contos de Castelo, tamén comezarán outras novas, como os Vermús na taberna. Os Contos de Castelo naceron como encontros coa veciñanza para recuperar historias, vivencias e saberes que se foron perdendo cos anos; mais desde o pasado ano, esta actividade converteuse nun programa radiofónico que conducirán a próxima semana personaxes recoñecidas como Miguel de Lira e Federico Pérez, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso, Marta Otero Mayán e Xaime Fandiño. Pola contra, os Vermús na taberna incorporaranse nesta edición para reabrir as portas de Casa Rodríguez, a que foi a taberna da parroquia por máis dun século e que dará cabida ao comercio de proximidade, a tertulia e a gastronomía.

O festival está comprometido con fomentar o consumo cultural nas xeracións máis novas e este espazo recóllese na programación baixo o nome de Xente Miúda, un período matutino de actividades, obradoiros e concertos dirixidos á cativada. Ademais, no Castelo Conta tamén se aposta pola incorporación de espectáculos de artes escénicas para ser gozadas por toda a familia, como é o caso de Máis saaabor!, unha actuación cómica que se escenificará o mércores 21 en Xalo. O resto da semana tamén haberá máis actuacións, como a que terá lugar o xoves pola mañá en Vilaverde, De Vilatriste a Vilalegre, un espectáculo que combina o teatro de actores co de marionetas e que celebra o corenta aniversario do Centro Dramático Galego a través dunha xira por máis de cen concellos. Tamén o xoves se poderá desfrutar en Folgueira da representación Muiñada, unha “viaxe ao pasado” ofrecida pola compañía Galeatro de Carballo.

Unha das grandes novidades deste ano será o Castelo Arre ou Show, un espectáculo inédito deseñado exclusivamente para o festival e que se realizará o xoves 22. O show está composto de distintos sketches que terán como protagonistas algúns dos cómicos máis destacados do panorama galego. David Amor, David Perdomo, Federico Pérez, Isabel Garrido, Patricia Castrillón, Manuel Cortés, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán serán os encargados de facer rir ao público. Esta noite de humor xa esgotou as entradas, mais os pioneiros do trap galego, Boyanka Kostova, pecharán a xornada cun concerto de libre acceso ata completar a capacidade do recinto.

A noite do venres 23 estará protagonizada pola música. Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios ke te crew serán os convidados deste ano. Xabier e Sés volven un ano máis a Castelo, mentres que os rapeiros de Ordes farán o seu debut no festival para festexar os seus vinte anos na música. As entradas para o concerto aínda se poden mercar na páxina web do festival.

Ao igual que todas as festas populares da nosa comunidade, o Castelo Conta tamén celebra o seu día grande, nesta ocasión será o sábado 24. Esta xornada comezará cunha churrascada popular da man dos veciños da parroquia para despois emprender unha andaina polas aldeas acompañada de música e con paradas para escoitar contadas a cargo de Marita Martínez e Celso Sanmartín. Ao finalizar a camiñata, haberá unha cea para recuperar forzas antes doutra gran noite de monólogos na que este ano actuarán Carlos Blanco, Lucía Veiga, David Perdomo, Isabel Risco, Federico Pérez, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Gari Garrido. As entradas esgotáronse ás poucas horas de saír á venda, pero aínda quedan prazas para anotarse á andaina. Para amenizar a noite tamén se contará ademais coa música de Galifunk e co propio Touriñán como mestre de cerimonias. Ao rematar o espectáculo, os Revenidos ofrecerán un concerto e a festa seguirá cunha sesión de DJ Mínimo.

No último día do festival os protagonistas serán os veciños de Castelo, quen celebran a tradicional festa na honra do seu patrón, o San Ramón. Durante todo o día haberá exposicións de coches clásicos, polbeira, produtos de proximidade na Taberna de Rodríguez e tamén música na sesión vermú coa Orquestra Sinfónica.

A maioría das actividades son abertas a todo o público. Os horarios, localizacións, programación completa e venda de entradas están dispoñibles en casteloconta.gal

Artigo anterior
Touriñán participará da gran noite de comedia dos Contos ao Noroeste

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Volve a festa da cultura no rural, volve o Castelo Conta