Estreamos ‘Virxinia’, unha ferramenta tecnolóxica para promover a economía circular nos nosos proxectos
Trátase dun proxecto inédito no sector cultural en Galicia co que introducimos criterios de reutilización de recursos, en especial, no relativo á construción de decorados ou escenografías. Conta con financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica da Xunta de Galicia, a través dos Fondos Europeos.
Co comezo do curso continuamos introducindo melloras non só no que pasa enriba dos escenarios, senón tamén nos procesos que permiten que todo vaia ben cando comeza cada espectáculo.
Unha das grandes asignaturas pendentes de todo o sector da cultura en Galicia son os criterios de sostibilidade nos procesos de creación, e agora damos un paso importante co que promover a economía circular desde a nosa actividade empresarial. Facémolo grazas a ‘Virxinia’, un proxecto tecnolóxico no que levamos meses traballando da man da tecnolóxica Altia e doutras empresas e profesionais, e que financiamos grazas ás axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular, cofinanciadas pola Unión Europea.
O obxectivo principal destas axudas é o reforzo do crecemento sostible e a competitividade das pemes, e a creación de emprego nestas, tamén mediante investimentos produtivos. O resultado que pretenden acadar é posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos.
No noso caso, trátase dunha ferramenta de inventario que xira ao redor de dous grandes obxectivos: o control do ciclo de vida de cada recurso que adquirimos, para aproveitalo o máximo posible antes de desafacernos del, e o coñecemento sobre os materiais que empregamos, a pegada de carbono que xeran, e a súa reciclaxe.
Esta ferramenta permítenos coñecer a pegada de carbono asociada a cada un dos espectáculos que produciremos no futuro, e a forma de reducila se aproveitamos ben o que temos e controlamos ao máximo o que precisamos mercar. O sistema permite tamén xerar informes a partir de filtros relacionados coa medida, o peso, os materiais ou o ciclo de vida de cada recurso, de forma que as e os profesionais da dirección de arte poidan ter en conta con que recursos contan, e de que características, para aproveitar os materiais cos que xa contamos nos nosos almacéns.
A futuro, a intención de Ainé é introducir na ecuación ao resto do sector, de forma que sexa posible iniciar un camiño de colaboración con outras produtoras e compañías para compartir recurso e facer máis longa a vida útil dos recursos materiais que empregamos constantemente no noso traballo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.



