Continente María é un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa extraordinaria figura de María Casares. O texto, baixo a dirección de Tito Asorey e escrito por Marianella Morena, trae a María Casares ao presente e convida a coñecer en profundidade a pegada desta grande artista, somerxendo á audiencia nunha emotiva viaxe a través da súa vida. A actriz Melania Cruz transita unha infinidade de rexistros, acentos e situacións como se fosen a súa propia casa, a súa propia pel, para interpretar a Casares. Pola súa parte, a música de Vadim Yukhnevich crea un ambiente no que a emoción e o dinamismo conviven coa reflexión sobre o amor, a guerra ou a identidade.
O espectáculo finaliza a súa xira por Galicia en Pontevedra. A peza representarase este xoves, 20 de abril, ás 21:00 horas no Teatro Principal e as entradas, xa están dispoñibles en continentemaria.gal.
Continente María viaxará a Madrid e a Colombia
Tras rematar en Pontevedra a xira galega, no mes de xuño Continente María estará nas Naves del Español en Matadero. En Madrid haberá unha función diaria ás 19:30 horas desde o mércores 7 ata o domingo 11 de xuño.
Tamén neste 2023 o espectáculo cruzará as fronteiras do continente físico para viaxar a Colombia. Galicia e as súas artes escénicas son as convidadas especiais na 55ª edición do Festival Internacional de Teatro de Manizales, que terá lugar do 21 ao 28 de outubro, e Continente María é un dos cinco espectáculos galegos seleccionados pola organización do certame. Ademais, nesa mesma viaxe a América, o espectáculo sobre María Casares tamén se representará no Festival Teatro y Música Comfama San Ignacio, en Medellín.