Buscamos incorporar ao noso equipo a unha persoa con coñecementos en márketing dixital, capaz non só de empregar as principais ferramentas para a promoción de proxectos culturais, senón tamén de traballar con todo o coñecemento adquirido logo de moito tempo recollendo datos das nosas espectadoras e espectadores.
Temos en marcha un ambicioso proxecto de monitorización do público en espectáculos de artes escénicas co que queremos optimizar as nosas estratexias de comunicación e márketing: saber a quen nos diriximos, saber que quere ver o noso público, pero tamén cando e como, e a través de que medios saben dos nosos proxectos.
Desenvolvemos unha ferramenta de Big Data que trata a información que recibimos de diferentes canles, sempre de xeito anónimo e para fins de tratamento estatístico. Fáltanos alguén que saiba extraer conclusións, e trasladalas aos plans de promoción concretos.
Non se trata dun posto para o que precisemos unha incorporación urxente, e mesmo valoramos diferentes tipos de contratación e colaboración. O máis apetecible -cremos- será a posibilidade de incorporar á industria cultural en Galicia novas ferramentas de márketing, e mesmo axudar a perfeccionalas.
Podes empregar o formulario da sección Emprego, na nosa web, para contarnos máis sobre ti, achegarnos un currículo, ou o que precises para que poidamos valorar a túa incorporación.