O espectáculo sobre María Casares, protagonizado por Melania Cruz e Vadim Yukhnevich, representarase na capital do 7 ao 11 de xuño nas Naves del Español en Matadero. As entradas xa están á venda en continentemaria.gal
En 2022, coincidindo co centenario do nacemento de María Casares, estreouse Continente María, unha peza que ofrece un canto á vida e ao teatro a través do diálogo coa actriz galega máis internacional. O espectáculo continúa neste 2023 a súa xira e no mes de xuño chegará a Madrid, ás Naves del Español en Matadero. Haberá unha función diaria ás 19:30 horas do mércores 7 ata o domingo 11 de xuño.
A peza rende homenaxe a María Casares, a actriz galega de fama internacional e símbolo do republicanismo, con quen Melania Cruz dialoga agora sobre os diferentes escenarios. Continente María convida a coñecer en profundidade a pegada desta grande artista, somerxendo á audiencia nunha emotiva viaxe a través da súa vida. No espectáculo, dirixido por Tito Asorey, convive o humor, a emoción e unha gran musicalidade grazas ao compositor e multi-instrumentista Vadim Yukhnevich.
Máis datas da xira en Galicia
Antes das funcións de xuño en Madrid, Continente María estará de xira por Galicia. A próxima cita será no Festival Singular de Narón o 4 de marzo. Os días 24 e 25 de marzo a peza poderá verse en Bertamiráns e Noia, respectivamente. Xa o 20 de abril chegará a Pontevedra. As entradas están á venda en continentemaria.gal.