Touriñán participa no III Encontro Mundial de Humorismo

Será este sábado, 29 de abril, no espectáculo ‘Humoris Causa’ xunto a Javier Cansado, Dani Rovira e Eva Hache
Touriñán no EMHU 2022

Touriñán xa participou no Humoris Causa do EMHU 2022. Foto: Leo López

O cómico Xosé A. Touriñán volve participar no Encontro Mundial de Humorismo (EMHU), que se celebra do 28 de abril ao 7 de maio na Coruña. Como xa fora en 2022, nesta terceira edición volve ser un dos protagonistas da cita ineludible Humoris Causa, un espectáculo de comedia sen precedentes creado expresamente para o festival. Subirá ao escenario xunto con tres dos mellores humoristas do panorama estatal: Javier Cansado, Dani Rovira e Eva Hache. Haberá dúas funcións no Palacio da Ópera este sábado, 29 de abril, e as entradas xa están esgotadas.

Oswaldo Digón e As R(h)umorosas

O EMHU, que na pasada edición sumou máis de 19.000 espectadores, reúne nun único evento as figuras e espectáculos de humor máis relevantes do momento en España. Mais tamén haberá oco para estreas absolutas feitas en Galicia.

Despois de anos preguntándonos no himno galego “Que din os rumorosos?”, Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola pregúntanse “Que din as rumorosas?”. No espectáculo, no que recordarán as mulleres máis ilustres de Galicia, as tres actrices e cómicas cantan, bailan e ata recitan. A cita será o 3 de maio na Sede Afundación.

Tamén no Auditorio Sede Afundación, o 4 de maio, Oswaldo Digón e Luis Tinaquero presentarán Ansia Viva. O seu espectáculo sobre a ansiedade é un formato de comedia novo que mestura stand-up comedy con música e cancións improvisadas.

Foto: Alejandro Gorís
Entrada anterior
‘Continente María’ remata a xira galega en Pontevedra
Artigo seguinte
A segunda xira de ‘Somos Criminais 3’ chega ao seu ecuador cunha grande acollida do público

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Touriñán participa no III Encontro Mundial de Humorismo