O humorista Xosé A. Touriñán inicia a xira do monólogo ‘Aquí Tou!’, unha peza moi persoal na que, a través do humor, convida ao público a facer un percorrido polos momentos vitais que o levaron a ser quen hoxe é.
A xira de Aquí Tou! chegará a oito vilas galegas nos vindeiros meses. O público do Grove será o primeiro en descubrir o espectáculo o próximo domingo, 2 de abril, con dúas funcións no Auditorio Municipal. Ata o mes de xuño, Touriñán visitará tamén Camariñas (8 de abril no marco da Mostra do Encaixe), Burela (14 de abril), Noia (23 de abril), Ponteareas (7 de maio), Cangas (13 de maio), Lalín (27 de maio) e Catoira (3 de xuño). As entradas están á venda en aquitou.gal.
En Aquí Tou!, Touriñán fai un percorrido pola súa vida, desde a súa concepción nunha noite de San Xoán ata un posible epitafio. Momentos chave do seu camiño vital cos que, como galegos, nos sentimos identificados. Mesturando realidade con ficción, tenrura e picardía, anécdotas propias e cultura popular galega, Touriñán lévanos da man pola súa vida cun monólogo no que inclúe a serie de boas e malas decisións que, xunto cos feitos casuais, o levaron a ser que hoxe é.