Un Teatro Colón cheo nos catro pases que tiveron lugar na Coruña despediu a primeira etapa do espectáculo sobre fútbol protagonizado por Touriñán, que comezou en setembro do ano pasado. Esta primeira xira xuntou nos teatros 15.000 espectadores
Comezaba a rodar o balón no Salón Teatro de Santiago o pasado setembro de 2022. Recortes, caneos e outras formas de driblar tivo un inicio de temporada ilusionante, xogando partidos con todas as localidades esgotadas e tendo que abrir unha segunda función as últimas fins de semana do mes que botou na capital galega.
Tras pasar por once localidades e levar aos teatros a 15.000 persoas, rematou a xira de presentación por Galicia de Recortes. Esta fin de semana o Teatro Colón da Coruña viu catro pases en dous días, todos cheos. Finaliza así esta primeira etapa nun mes de xaneiro no que o espectáculo dirixido por Tito Asorey esgotou tamén todas as localidades dispoñibles nas funcións de Lugo, Burela e Vilagarcía.
A Coruña acolleu a despedida da xira nun partido no que Xosé A. Touriñán e Isabel Garrido xogaban na casa. Había moita expectación por ver esta nova produción baseada en textos xornalísticos do tamén coruñés Nacho Carretero. Quedou pequeno o Teatro Colón pola gran demanda de entradas, a pesar de dobrar as funcións os dous días. O teatro coruñés luciu como nas grandes ocasións, co público gozando do espectáculo e brindando ao elenco unha acollida de primeira.
Fútbol, teatro, música e investigación xornalística
Aínda que non vimos xogar ao equipo de Recortes —a Touriñán, Manuel Cortés, Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta— ata o pasado setembro, o traballo para facer posible o espectáculo comezou ben antes co seu adestrador, o director Tito Asorey. Porén, a historia do espectáculo vén aínda de máis atrás: comezou coa investigación de Nacho Carretero, autor de Fariña, sobre o lado máis escuro e descoñecido do fútbol profesional. Despois fixo o seu o dramaturgo José L. Prieto e a pesquisa xornalística xa tiña adaptación para as táboas.
Xuntar fútbol e teatro non é unha combinación habitual, mais en Recortes podemos ver a unión de dous espectáculos moi diferentes na súa execución, pero movidos ambos pola paixón. Recortes fai agora unha pausa tras catro meses percorrendo os teatros galegos.