- Consolidamos unha aposta decidida por un xeito de comunicar co foco na constante xeración de contidos e nun material de fotografía e vídeo de calidade.
- O novo portal introduce diferentes melloras tecnolóxicas no marco dun plan estratéxico baseado no deseño e os contidos complementarios á nosa actividade, que contan co apoio da Axencia Galega de Innovación e o Ministerio de Cultura e Deporte.
- A modo de enciclopedia, a páxina recolle entradas específicas sobre os termos máis recorrentes, tanto para o caso de colaboradores como de proxectos.
Que a comunicación do que facemos é tan importante como o que facemos é un principio irrenunciable desde hai tempo. Son varios anos de decenas de presentacións, eventos de estrea, notas e convocatorias de prensa, fotografías, vídeos, deseños, programas de man e rotulacións ao grande para que a experiencia do público comece desde o impacto da primeira noticia sobre un novo proxecto. Agora completamos outra etapa do proceso coa estrea da nosa nova páxina web.
Renovamos e enchemos de contido o lugar da rede no que se fala de todo o que facemos. A nova aine.gal recolle toda a actualidade xerada desde hai oito anos, en máis de trescentos artigos, aos que se unen sete seccións sobre a nosa actividade e unha completa portada para coñecer dun vistazo a que andamos en cada momento.
Un traballo desenvolvido ao longo de dous anos entre o noso equipo de comunicación e a nosa amiga e colaboradora Pilar Mera, a cargo da albanelería tecnolóxica do portal.
O foco nos contidos
A nova web conserva a que durante estes anos foi a esencia desta ferramenta de comunicación, un caderno de actualidade con novos contidos cada semana, difundidos a través dos nosos perfís nas principais redes sociais. Trátase de crónicas e artigos redactados polo noso equipo, aos que sempre acompañan fotografías ou vídeos orixinais, con mención do seu autor.
Os contidos de actualidade compleméntanse na actualización de aine.gal con dúas seccións sobre a actividade principal da empresa: as e os artistas cos que traballamos e os nosos espectáculos.
O primeiro destes apartados conta cunha páxina específica sobre o actor e humorista Xosé A. Touriñán, onde se recolle información sobre a súa biografía, material destinado aos medios de comunicación, fotografías, vídeos e a axenda completa das súas vindeiras actuacións. A esta sección súmase outra sobre as e os monologuistas que cada fin de semana protagonizan actuacións cómicas en diferentes lugares de Galicia, e cos que colaboramos na súa contratación.
En canto ao apartado de espectáculos, a web permite acceder dun xeito rápido e cómodo á páxina web específica de cada un deles, destinada á información que precisa o público, pero tamén a un apartado máis destinado a programadores e outras persoas que forman parte do noso sector, con información técnica sobre o equipo de cada produción, as especificacións técnicas ou material destinado á prensa.
Nesta sección destaca, ademais, unha aposta pola recuperación do material dos espectáculos que formaron parte da traxectoria de Ainé desde hai case unha década, como ‘Curtis & Teixeiro’ ou ‘Agora en serio’, entre outros, que contan con fichas específicas.
Para saber sobre nós e para traballar con nós
A nova páxina web de Ainé suma nesta actualización dous novos apartados: trátase de ‘Sobre nós’, o conxunto de información corporativa sobre quen somos, cal é a nosa filosofía de traballo e o noso equipo, e de ‘Emprego’, unha sección específica na que recompilamos as ofertas activas, e achegamos un formulario no que calquera persoa interesada pode enviarnos a información precisa para tela en conta de cara á futuras incorporacións ao noso equipo.
A tenda online, integrada na web
Desde agora, aine.gal incorpora o comercio electrónico que ata esta actualización era accesible de xeito independente. A tenda sae con catro produtos no catálogo, a revista Táboas en papel, e camisolas de diferentes proxectos dos últimos anos, pero incorporará novidades nos próximos meses.
A nosa propia enciclopedia
Como gran novidade do novo sitio web, toda unha enciclopedia dos termos sobre os que máis falamos: persoas ou proxectos. Cada un deles conta cunha páxina individual informativa, que se complementa con fotografías, vídeos e noticias relacionadas. Os termos que forman parte deste índice de contidos están sinalados cun círculo verde ao seu carón. Nomes como Melania Cruz, Federico Pérez, Laura Baena, iniciativas como o Castelo Conta ou entidades como o Centro Dramático Galego xa contan coas súas entradas.
Tecnoloxía detrás de aine.gal
A renovación da páxina parte do popular sistema de código libre WordPress, e inclúe múltiples melloras en canto a rendemento, accesibilidade e semántica do código. Destaca a taxonomía específica para o novo índice de contidos relacionados cos termos máis habituais nos contidos.
Xunto co redeseño, desenvolvemos un plugin específico co que visualizar as axendas de eventos, empregando tecnoloxías nativas de WordPress (a REST APLI e os shortcodes), para amosar listados de actuacións pasadas e futuras, filtradas por espectáculos e artistas, en calquera web. Este plugin inclúe ademais a posibilidade de xerar marcado Schema para que buscadores de Google e outros sistemas de rastrexo e indexado de información poidan detectar os datos fundamentais de cada evento (data, hora, lugar, artistas participantes, prezo, web da venda de entradas…).
Polo demais, e xunto ás novidades en aine.gal, desenvolvemos unha plantilla específica baseada nos últimos modelos e prácticas da comunidade WordPress. A través desta ferramenta, homoxeneizamos e optimizamos os procesos de creación e actualización das webs de todos os nosos espectáculos, compartindo patróns e funcionalidades, pero respectando ao mesmo tempo os estilos de cada proxecto.
Un amplo e innovador proxecto estratéxico
Nada é casual na nova aine.gal, e todo se explica nun amplo proxecto estratéxico que nestes dous últimos anos traballa Ainé en colaboración con diferentes administracións.
No relativo ao deseño, a web integra o traballo desenvolvido polo equipo da produtora grazas ás axudas para a incorporación do deseño en pemes e microempresas galegas como ferramenta de innovación e sustentabilidade, da Axencia Galega de Innovación.
Para a produción e a integración de contidos complementarios, incorpórase a aprendizaxe do proxecto ‘Espallar’, desenvolvido pola nosa produtora audiovisual irmá, Undodez, co apoio do Ministerio de Cultura e Deporte a través das axudas á modernización e innovación das industrias culturais e creativas. Grazas a este proxecto, e ao desenvolvemento de plugins específicos, a web de cada espectáculo producido por Ainé queda integrado coa web da produtora no que ten que ver, entre outras cousas, coas axendas e a venda de entradas de cada produción.
Toda a renovación enmárcase no proxecto estratéxico ‘Fiar’, que acadou a maior dotación de entre todas as empresas galegas do sector das artes escénicas na liña extraordinaria de axudas para a modernización das estruturas de xestión artística no ámbito das artes escénicas e a música.
O reflexo dunha filosofía de traballo
A renovación da web de Ainé responde a unha filosofía de traballo aplicada a cada un dos proxectos desta empresa, e que recolle o propio portal: pensar no público, facer por innovar, comunicar en galego, e traballar con amigos. A páxina está pensada para unha navegación doada desde calquera dispositivo, e escrita para ser accesible a calquera persoa interesada na nosa actividade, sempre que queira ler no noso idioma. Fixémola posible grazas ao traballo constante de amigos como Pilar Mera, Aigi Boga e Jairo Iglesias, aos que desde a oficina nos sumamos Saúl Rivas, Noelia Antelo e Álvaro Pérez Becerra.