‘Territorio Regueifa’ leva a improvisación oral ata Burela
Despois do seu paso por distintos escenarios, 'Territorio Regueifa' continúa o seu camiño cunha nova función na Mariña. O espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, chega este sábado a Burela para converter o escenario nun espazo de humor, palabra improvisada e celebración colectiva arredor da tradición oral galega.
A Casa da Cultura de Burela acollerá este sábado 23 de maio ás 20.00 unha nova función de Territorio Regueifa, unha proposta escénica que mestura teatro, música, humor e improvisación para achegar ao público o universo da regueifa desde unha mirada contemporánea, participativa e festiva.
Dirixido por José L. Prieto e interpretado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira, o espectáculo constrúe unha viaxe pola historia e pola evolución da improvisación oral galega, combinando divulgación, escenas teatrais e momentos de creación en directo. A función percorre distintas situacións arredor da palabra improvisada, desde as orixes da regueifa ata a súa presenza na actualidade, incorporando tamén reflexións sobre o papel das mulleres neste ámbito ou xogos escénicos que trasladan a improvisación a contextos inesperados.
Cada representación convértese nun acontecemento único, marcado pola enerxía do directo e pola interacción co público. A proposta rompe as fronteiras entre o escenario e o patio de butacas, convidando ás persoas asistentes a participar dunha experiencia colectiva na que a retranca, a música e a creación oral ocupan o centro.
Tras a súa estrea absoluta en Carballo,Territorio Regueifa continúa así a súa xira levando esta disciplina a novos espazos e públicos, reivindicando a vixencia dunha tradición que segue viva e en transformación.
As entradas para a función poderán adquirirse presencialmente na billeteira da Casa da Cultura de Burela antes do inicio do espectáculo.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



