Un novo espazo dixital para seguir a traxectoria de Xosé A. Touriñán
Xa está en funcionamento a nova web de Xosé A. Touriñán. O sitio reúne nun único espazo a información relacionada coa súa carreira no audiovisual, o teatro e a produción cultural, ofrecendo unha ferramenta actualizada tanto para o público como para profesionais do sector.
Lanzamos a nova web oficial de Xosé A. Touriñán, unha plataforma concebida para centralizar toda a información vinculada á súa actividade profesional e facilitar o acceso aos seus proxectos, espectáculos e traxectoria.
A páxina estrutúrase arredor de seis apartados que permiten navegar de maneira clara polos distintos ámbitos do seu traballo. A portada funciona como punto de entrada á súa actividade actual, incorporando unha presentación xeral da súa traxectoria, información sobre os espectáculos en xira, a súa faceta como produtor e un carrusel dinámico coas últimas novas relacionadas cos seus proxectos e participacións.
Comeza cunha Biografía na que se recolle un percorrido amplo pola carreira de Touriñán, desde o seu comezo no humor co dúo Os dous de sempre ata o seu traballo actual no audiovisual e nas artes escénicas galegas. O espazo repasa a súa presenza en programas, series e ficcións, incorporando tamén a súa traxectoria teatral, marcada especialmente polo éxito de espectáculos como Somos Criminais e punto final, ademais doutros proxectos como Corentena · Game Over, Aquí Tou! ou Amoriños. Xunto a isto, ponse en valor o seu labor como produtor e director en iniciativas audiovisuais e culturais vinculadas á creación contemporánea galega.
Outro dos apartados principais da web é o CV, onde se pode consultar o currículo completo do actor e produtor, organizado por áreas profesionais e disciplinas. Esta sección abrangue os seus traballos en televisión, cinema, teatro, radio, produción e guión desde os seus inicios ata a actualidade.
A páxina incorpora tamén unha Axenda, deseñada para ofrecer información actualizada das próximas funcións e eventos nos que participa. A través dunha grella cronolóxica, as persoas usuarias poden consultar datas, localidades, espazos e ligazóns directas para a compra de entradas. Ademais, inclúese un histórico de eventos pasados que permite revisar parte do seu percorrido recente sobre os escenarios.
No bloque de Proxectos recóllense algunhas das iniciativas máis representativas da súa actividade actual, entre elas o festival Castelo Conta, o documental Ao son da nova regueifa, o espectáculo Amoriños, a serie Clanes, ou a curtametraxe Nena. Cada un destes espazos incorpora acceso directo ás súas respectivas webs e plataformas.
Por último, engadimos unha área de Contacto pensada para facilitar a comunicación tanto con público como con profesionais, incorporando un formulario aberto e información específica para contratación e prensa.
Con esta actualización, Ainé continúa desenvolvendo ferramentas dixitais orientadas á organización, comunicación e difusión de proxectos culturais, reforzando ao mesmo tempo a súa presenza e proxección no ámbito dixital.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.



