A xira estatal do monólogo de Touriñán segue medrando e suma novas datas
Tras o comezo da súa xira estatal en xaneiro, o monólogo de Xosé A. Touriñán continúa ampliando o seu percorrido fóra de Galicia, incorporando novas datas en Oviedo, Barcelona e Santander e reforzando a súa presenza en Madrid con dúas novas funcións.
O percorrido estatal do monólogo de Xosé A. Touriñán continúa collendo forza meses despois do seu inicio en Madrid. Tras as primeiras funcións no Teatro Arlequín Gran Vía e as posteriores paradas en Bilbao e Barcelona, a xira segue ampliando calendario e consolidando o seu percorrido por distintos escenarios do Estado.
A próxima cita terá lugar o vindeiro 23 de maio en Oviedo, cunha función ás 20.00 no Teatro Filarmónica que conta xa coas entradas esgotadas desde semanas antes da actuación.
Despois do período estival, o espectáculo volverá pasar por algunhas das cidades que xa forman parte deste camiño. Madrid continuará sendo un dos puntos centrais da xira coa incorporación de dúas novas funcións no Teatro Arlequín Gran Vía, previstas para o 9 de outubro e o 13 de novembro, ambas ás 22.30.
O calendario suma tamén unha nova parada en Barcelona: Touriñán regresará o 23 de outubro cunha función no Aquitània Teatre. A estas datas engádese ademais unha nova incorporación ao percorrido, Santander, onde o monólogo poderá verse o 27 de febreiro de 2027 no Teatro CASYC.
Sobre o escenario, Touriñán constrúe un espectáculo baseado na proximidade, na palabra e na experiencia compartida co público. O actor mestura realidade e ficción para revisitar momentos da súa propia biografía: decisións acertadas, erros inevitables, referencias culturais e situacións cotiás que conectan coa memoria colectiva desde o humor e a retranca.
Paralelamente, o humorista continúa compaxinando esta xira con outros proxectos escénicos como Amoriños, xunto a David Perdomo, ou a súa recente participación no EMHU 2026.
A Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia subvenciona este espectáculo a través das súas axudas á distribución exterior.
As entradas para as próximas funcións do monólogo poden adquirirse a través da web do humorista, touri.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



