Lamatumbá, finalista nos XIII Premios Martín Códax da Música
A candidatura chega nun momento de renovada actividade para o grupo, que continúa xirando coa proposta 'LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!' e mantendo viva a súa conexión co público a través dun directo marcado pola enerxía, a retranca e a celebración.
Lamatumbá é un dos proxectos finalistas da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, uns galardóns promovidos pola asociación Músicas ao Vivo que, desde 2013, recoñecen a diversidade e a calidade da creación musical galega. A banda opta ao premio na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena, compartindo nominación con La Fórmula e Orquestra Bravú Xangai.
O anuncio das candidaturas realizouse este martes durante a festa de finalistas celebrada nas Bodegas Martín Códax, dando comezo á última fase dun certame que culminará o vindeiro 27 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. O público xa pode votar polos seus proxectos favoritos a través da web oficial dos premios, nun sistema que combina o voto popular co criterio do xurado profesional.
A presenza de Lamatumbá entre os proxectos finalistas reforza o momento de actividade que atravesa actualmente a banda. Formada en Ourense a finais dos anos noventa, o grupo converteuse nun dos nomes máis recoñecibles da música festiva galega grazas a unha proposta que mestura ska, reggae, rock, cumbia, funk e folk baixo unha identidade propia marcada pola retranca e pola forza do directo.
Ao longo da súa traxectoria, Lamatumbá conseguiu construír un repertorio que forma xa parte do imaxinario colectivo galego, con temas como Licor Café ou discos como Lume (para que saia o sol), converténdose nun referente clave na modernización da verbena e das festas populares en Galicia.
Nesta nova etapa, a banda continúa xirando coa proposta LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!, un proxecto que mantén intacta a súa esencia e que nos próximos meses, continuará o seu percorrido con novas citas confirmadas en festivais como Rockandorna, en Ribeira o 24 de xullo, e Festival Terra Brava, no Incio, o 15 de agosto.
Os Premios Martín Códax da Música celebran este ano unha edición que os consolida como unha das principais plataformas de recoñecemento para a música feita en Galicia. O certame abrangue un total de quince categorías musicais, ademais dos Premios Organistrum e do Premio Honorífico Músicas ao Vivo, poñendo o foco tanto na creación artística como nos diferentes axentes que forman parte do sector musical galego.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



