‘Amoriños’ chega a Ourense na recta final dunha xira marcada polos cheos absolutos
Despois de meses percorrendo Galicia e sumando cheos na maioría das paradas, ‘Amoriños’ entra no último tramo da súa xira. Esta fin de semana, Touriñán e Perdomo chegan a Ourense con dous pases xa esgotados antes de afrontar as derradeiras funcións do espectáculo.
A xira de Amoriños continúa esta fin de semana o seu percorrido por Galicia cunha nova parada en Ourense. O espectáculo protagonizado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo subirá ás táboas do Auditorio Municipal este venres 22 de maio para ofrecer dúas funcións, ás 20.30 e ás 23.00, ambas co cartel de completo.
A proposta encara xa a súa recta final mantendo intacta a conexión co público e consolidando unha resposta que se repetiu función tras función ao longo de todo o percorrido. Desde o seu inicio o pasado 14 de marzo en Vilagarcía, Amoriños pasou por Santiago, Ponteareas, Verín, Lugo, Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo e Narón, enchendo auditorios e converténdose nun dos fenómenos escénicos desta primavera.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo constrúen un peculiar ‘First Dates‘ á galega no que a improvisación, o humor e a interacción co público marcan o ritmo de cada función. A natureza viva do espectáculo fai que cada pase sexa distinto ao anterior, xerando situacións inesperadas, encontros improbables e historias que nacen no momento.
Tras a parada en Ourense, a xira continuará en Pontevedra os días 30 e 31 de maio no Auditorio Sede Afundación, cun total de catro funcións. Os dous pases do día 30, ás 18.30 e ás 21.00, están xa esgotados, igual que a función do día 31 ás 18.00. Para a derradeira sesión da fin de semana, o sábado ás 20.30, quedan dispoñibles as últimas entradas.
O gran peche desta segunda xira terá lugar na Coruña, no Teatro Colón, entre os días 5 e 7 de xuño. En total serán cinco funcións que servirán como despedida deste segundo percorrido de Amoriños. As entradas para a función do día 7 ás 18.00 están xa esgotadas, mentres que para o resto dos pases (nos días 5 e 6) quedan unicamente as últimas localidades dispoñibles.
Con cada nova parada, Amoriños reafirma a súa conexión co público a través dunha dinámica flexible, imprevisible e construída en directo. Un espectáculo que converte cada función nun encontro diferente e que chega agora á súa fase final despois de meses de estrada, gargalladas e teatros cheos.
As últimas entradas para as próximas datas da xira están dispoñibles a través da web do espectáculo: www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.



