O monólogo de Touriñán continúa a súa xira estatal e suma novas datas en Sarria e Zaragoza
A xira estatal do monólogo de Xosé A. Touriñán continúa medrando meses despois do seu inicio en Madrid. Esta fin de semana, afronta unha nova parada en Oviedo, coa función xa completa, ao tempo que incorpora novas datas ao calendario para despois do verán, entre elas Sarria e Zaragoza.
O percorrido estatal do monólogo de Xosé A. Touriñán continúa consolidándose como unha das propostas escénicas galegas con maior presenza fóra do país nos últimos meses. Tras o inicio da xira en Madrid e as posteriores funcións en Bilbao e Barcelona, o espectáculo segue sumando cidades e novas datas ao seu calendario.
A próxima cita terá lugar este sábado 23 de maio en Oviedo, cunha función ás 20.00 no Teatro Filarmónica que conta xa coas entradas esgotadas.
Antes da pausa estival, a xira incorporará ademais unha nova parada en Sarria o próximo 17 de xullo, no marco do festival Ultreia et Suseia. A proposta, baixo o título O recuncho da comedia, reunirá sobre o escenario a Touriñán xunto a David Amor e Leti da Taberna nun encontro arredor do humor e da retranca galega que terá lugar ás 21.00. Será ademais a última cita do espectáculo antes do seu regreso tras o verán.
Despois da tempada estival, o monólogo retomará o seu percorrido con novas funcións xa confirmadas en distintas cidades. Madrid continuará sendo un dos puntos centrais con dúas actuacións previstas no Teatro Arlequín Gran Vía os días 9 de outubro e 13 de novembro, ambas ás 22.30.
O calendario inclúe tamén o regreso a Barcelona o 23 de outubro, cunha nova función no Aquitània Teatre, e incorpora agora unha nova parada en Zaragoza. A cidade aragonesa súmase por primeira vez ao percorrido cunha actuación prevista para o 31 de outubro no Teatro de las Esquinas ás 20.00, coa venda de entradas xa dispoñible. A xira continuará xa en 2027 cunha nova función en Santander o 27 de febreiro no Teatro CASYC.
Sobre o escenario, Touriñán constrúe un espectáculo baseado na proximidade co público e na forza da palabra, mesturando realidade e ficción para revisitar momentos da súa propia biografía, referencias culturais e situacións cotiás atravesadas polo humor e a retranca. Un monólogo que continúa ampliando o seu camiño fóra de Galicia sen perder a conexión coa identidade e coa experiencia compartida do público.
As entradas para as próximas funcións poden adquirirse a través da web do humorista, touri.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



