‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
Despois dun percorrido que comezou hai varios meses e que foi enchendo teatros por todo o país, ‘Amoriños’ afronta xa o último tramo da súa xira de primavera. A comedia de Touriñán e Perdomo chega a unha fin de semana clave en Pontevedra, con catro funcións e unha resposta do público que se repite cidade tras cidade.
A xira de primavera de Amoriños, o espectáculo creado e interpretado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo, entra nunha fase decisiva despois de máis de dous meses percorrendo Galicia con funcións marcadas polo humor, a improvisación e a participación do público.
Tras a súa estrea o 14 de marzo en Vilagarcía, a proposta pasou por numerosas localidades: Santiago, Ponteareas, Verín, Lugo, Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón e Ourense, consolidando en cada parada unha dinámica xa habitual: teatros cheos, encontros inesperados sobre o escenario e pases que mudan cada noite en función do público.
Agora, a xira detense esta fin de semana en Pontevedra, no Auditorio Sede Afundación, cun total de catro funcións. O sábado 30 de maio ofreceranse dous pases, ás 18.30 e ás 21.00, ambos xa coas entradas esgotadas. O domingo 31 haberá outras dúas funcións, ás 18.00 e ás 20.30: a primeira tamén está esgotada, mentres que para a última quedan aínda as derradeiras localidades dispoñibles.
A proposta mantén así o seu ritmo habitual, nun formato que converte cada función nunha experiencia diferente. Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo constrúen en directo un peculiar ‘First Dates’ á galega no que a comedia nace da improvisación e da interacción constante co público, facendo que ningún pase sexa exactamente igual ao anterior.
Tras Pontevedra, o camiño conduce directamente ao gran peche da xira, que terá lugar na Coruña, no Teatro Colón, entre o 5 e o 7 de xuño. Serán seis funcións en total: o día 5 ás 20.30 e 23.00 (ambas esgotadas), o día 6 ás 18.30 e 21.00 (tamén esgotadas) e o día 7 ás 18.00 (esgotada) e ás 20.30, que acaba de saír á venda e aínda conta con entradas dispoñibles.
Esta recta final confirma o percorrido do espectáculo, que foi medrando función a función, mantendo a súa esencia viva, adaptándose a cada público e a cada cidade. Todo, para ofrecer moito amor, e moito humor.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



