‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
Despois de meses percorrendo Galicia e enchendo teatros por todo o país, 'Amoriños' afronta a súa última parada. A Coruña converterase esta fin de semana no escenario do peche dunha xira marcada polos cheos absolutos, a improvisación e a conexión co público.
A segunda xira de Amoriños chega ao seu final. O espectáculo, creado e interpretado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo, despedirase dos escenarios esta fin de semana cunha intensa programación no Teatro Colón da Coruña, onde ofrecerá un total de seis funcións entre o venres 5 e o domingo 7 de xuño.
O percorrido iniciado o pasado mes de marzo levou a proposta por auditorios e teatros de toda Galicia, con paradas en Vilagarcía, Santiago, Ponteareas, Verín, Lugo, Ribadeo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense e Pontevedra. Ao longo destes meses, o espectáculo foi consolidando unha resposta excepcional do público, traducida en cheos continuados e na apertura de novas funcións en numerosas cidades.
Esa mesma tendencia repítese agora no peche da xira. As funcións previstas para o venres 5 de xuño ás 20.30 e ás 23.00, o sábado 6 ás 18.30 e ás 21.00 e o domingo 7 ás 18.00 están xa completamente esgotadas. A única oportunidade aínda dispoñible para asistir a esta despedida será a función do domingo ás 20.30, para a que aínda quedan as últimas entradas.
Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo continúan explorando o territorio máis imprevisible das relacións humanas a través dunha proposta que combina humor, improvisación e participación do público. En Amoriños, cada función constrúese en directo, facendo que ningunha sexa exactamente igual á anterior e convertendo cada encontro nunha experiencia única.
A Coruña será así a última parada dunha xira que medrou función tras función e que remata cunha fin de semana de gran formato, na que o amor, o humor e os encontros imposibles volverán ser os grandes protagonistas.
As últimas entradas para a función do domingo 7 de xuño ás 20.30 están dispoñibles a través da web do espectáculo, amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



