‘Territorio Regueifa’ presentouse onte en Carballo como un soño que chega ao escenario
Representantes institucionais, equipo artístico e produción coincidiron en sinalar o carácter simbólico dunha estrea que une territorio, tradición oral e escena contemporánea. Carballo convértese así no lugar onde a palabra improvisada dá o salto definitivo ás táboas.
O Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acolleu onte, 4 de febreiro, a rolda de prensa de presentación da estrea absoluta de Territorio Regueifa, que terá lugar mañá 6 de febreiro ás 21.00. O encontro serviu para compartir as claves dun espectáculo que nace do diálogo entre a regueifa e o teatro, e que chega ao público tras un proceso marcado pola espera, pola colaboración e polo compromiso coa tradición oral galega.
Na presentación participaron o director do espectáculo, José L. Prieto; o elenco formado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira; o director do FIOT, Alberto Sueiro; o alcalde de Carballo, Daniel Pérez; a concelleira de Cultura e Festas, Maruxa Suárez; o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez; e o produtor de Ainé, Álvaro Pérez Becerra.
Durante a súa intervención, o alcalde destacou o simbolismo de que esta proposta vexa a luz en Carballo, subliñando que a regueifa forma parte da identidade do territorio e que a sorprendente capacidade de adaptación desta disciplina. Definiu o espectáculo como “unha arte dentro doutra arte”, comparándoo cunha matriosca na que a improvisación oral habita o espazo teatral.
Desde a produción, Álvaro Pérez Becerra puxo o acento no carácter case fortuíto do encontro entre a xente da regueifa e a xente do teatro, unha unión que atopou en Carballo o lugar natural para encaixar. Reafirmou tamén a aposta por crear cultura en galego e por poñer en valor as tradicións propias desde unha perspectiva contemporánea.
O director do espectáculo, José L. Prieto, explicou que Territorio Regueifa é unha mestura de música, teatro e improvisación, froito dun proceso de descubrimento persoal e artístico. Confesou que achegarse á regueifa foi entrar nun territorio descoñecido que acabou por converterse nun espazo de entusiasmo e aprendizaxe constante.
O elenco compartiu unha visión común: levar a regueifa aos teatros era un soño que hoxe está por convertirse en realidade. Lupe Blanco destacou a importancia de que o público teña interese por ver un espectáculo de regueifa, unha arte historicamente minorizada, e celebrou que a súa percepción mudase nos últimos anos cara a algo máis actual e innovador. Manolo Maseda lembrou que a idea do proxecto xurdiu hai dous anos, nun momento no que xa se percibía que “a regueifa estaba ardendo”, aínda que daquela era impensable imaxinar o percorrido que está a vivir hoxe. Josinho da Teixeira, pola súa banda, agradeceu o apoio recibido tras a cancelación da estrea en outubro e subliñou que a regueifa “vai chegar onde nunca chegou”.
Desde o Centro Dramático Galego, Fran Núñez sinalou a relevancia do proxecto para ensanchar o concepto de teatro, defendendo a mestura e a hibridación como camiños necesarios para a evolución da escena. A concelleira Maruxa Suárez puxo o foco na capacidade da regueifa para adaptarse aos tempos actuais, converténdose nun espazo creativo, reivindicativo e aberto á igualdade.
A rolda de prensa deixou claro que Territorio Regueifa non é só unha estrea, senón o inicio dun percorrido que xa está a espertar interese antes mesmo do seu primeiro encontro co público. A partir deste venres, a palabra improvisada subirá ás táboas para compartir humor, emoción e identidade desde o escenario.
As entradas, tanto para a estrea de mañá como para o resto da xira, están dispoñibles a través da web do espectáculo territorioregueifa.gal.
NOTICIAS RELACIONADAS
Lamatumbá gaña o Premio Martín Códax da Música na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena
A banda ourensá vén de ser recoñecida na XIII edición dos Premios Martín Códax da Música, nun momento marcado polo regreso aos escenarios coa proposta ‘LAMATUMBÁ… E XA ESTÁ!’.
‘Amoriños’ despídese na Coruña cunha intensa fin de semana de seis funcións
O espectáculo de Xosé A. Touriñán e David Perdomo chega ao seu gran peche de xira no Teatro Colón. Entre o 5 e o 7 de xuño ofrecerán seis funcións, das que só queda dispoñibilidade para a derradeira sesión do domingo ás 20.30.
‘Amoriños’ encara a súa recta final cunha intensa fin de semana en Pontevedra
O espectáculo de Touriñán e Perdomo entra no último tramo da súa xira de primavera tras máis de dous meses de funcións por Galicia.



