‘Amoriños’ amplía a súa xira de primavera con novas funcións en Verín e Ribadeo
Tras unha primeira xira marcada polos cheos e unha primavera en pleno movemento, 'Amoriños' engade novas funcións ao seu calendario.
A xira de primavera de Amoriños continúa collendo forza e suma agora dúas novas paradas ao seu percorrido. O espectáculo creado e interpretado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo chegará o 17 de abril ao Auditorio de Verín ás 20.30 e o 30 de abril ao Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo ás 20.30, ampliando así as oportunidades para reencontrarse cunha das propostas escénicas máis seguidas da tempada.
Estas novas funcións incorpóranse a unha xira que está a percorrer Galicia durante a primavera e que inclúe paradas en Vilagarcía, Santiago, Ponteareas, Lugo, Vilalba, Cee, Vigo, Narón, Ourense, Pontevedra e A Coruña. Un calendario amplo que confirma o bo momento dun espectáculo que, desde a súa estrea, foi medrando función tras función. En Amoriños, Touriñán e Perdomo volven poñer o foco no territorio máis imprevisible de todos: o amor. Citas tolas, paixóns imposibles e personaxes que constrúen unha especie de ‘First Dates‘ á galega no que o humor salvaxe convive coa improvisación.
Un dos sinais de identidade da proposta é o seu carácter vivo. Cada función constrúese no momento, a partir do xogo escénico entre os intérpretes e da implicación directa do público, facendo que ningún pase sexa igual ao anterior. Esa complicidade, xunto coa liberdade que ofrece a improvisación, converte cada encontro nunha experiencia única e irrepetible.
Tras consolidarse nunha primeira xira e manter unha primavera intensa sobre as táboas, Amoriños continúa ampliando o seu camiño, sumando novas cidades e confirmando que o amor, na súa versión máis caótica, absurda e divertida, segue a ser un motor infalible sobre o escenario.
As entradas para as funcións están dispoñibles a través da web do espectáculo, www.amorinos.info.
NOTICIAS RELACIONADAS
‘A Lacena Pequena’ chega a Triacastela cunha programación arredor do patrimonio e a natureza
A programación inclúe unha exposición de Ana Carballo, unha conferencia do antropólogo Rafael Quintía, unha degustación de produtos locais e actuacións de danza e música tradicional.
‘Territorio Regueifa’ chega hoxe ao Val do Ubra cunha función de balde
O Auditorio Municipal acolle ás 20.30 h unha nova representación do espectáculo, protagonizado por Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira. A xira continuará en novembro con dúas citas en Barakaldo e Ames.
A Lacena Pequena chega á Rúa cunha xornada arredor da memoria, as festas e o viño
A programación do 3 de outubro percorrerá a historia das celebracións da localidade, a tradición vitivinícola de Valdeorras e a música popular. A xornada contará con conversas, poesía, unha cata de viños e cantos de taberna.



