Touriñán celebra o día dos namorados cunha función do seu monólogo en Madrid
No día de San Valentín, Xosé A. Touriñán aposta polo encontro coa palabra, o humor e a experiencia. O humorista galego sobe este sábado ás táboas do Teatro Arlequín de Madrid cunha nova función do seu monólogo. A cita forma parte dun percorrido estatal que o levará a espallar o seu humor por distintas cidades fóra de Galicia.
Con iso que adoita dicirse de que sempre hai alguén da casa en todas partes, Xosé A. Touriñán decidiu levar o seu monólogo máis alá das nosas fronteiras e iniciar o pasado xaneiro unha xira, que o está a situar en escenarios de referencia da comedia estatal. Madrid foi o punto de partida deste percorrido e convértese tamén nun dos seus eixos centrais, con varias datas programadas no Teatro Arlequín Gran Vía ao longo do inverno e da primavera.
O espectáculo baséase na proximidade e na palabra. Sobre o escenario, Touriñán constrúe un relato no que mestura realidade e ficción para facer un repaso pola súa propia biografía: decisións acertadas, erros inevitables, feitos casuais e referencias culturais que dialogan cun público que se recoñece no contado. O humor xorde do diálogo, da experiencia conxunta e da capacidade de rir dun mesmo, convertendo cada función nun encontro directo coa xente.
Tras esta nova parada en Madrid, a xira continuará en Bilbao (7 de marzo), volverá ao Arlequín o 20 de marzo e o 11 de abril, pasará por Barcelona (27 de marzo) e chegará a Oviedo o 23 de maio. Un percorrido que chega nun ano no que Touriñán continúa ampliando o seu radio de acción sen perder o vínculo coa escena e co público.
Para máis información sobre o monólogo e a xira pódese consultar a web oficial do actor, touri.gal, onde tamén está dispoñible a venda de entradas.
NOTICIAS RELACIONADAS
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.
Touriñán comeza a xira de ‘Moi Animal’ este venres en Cee
Cee esgota as entradas para o debut do espectáculo e Pontevedra fai o propio coa función do sábado. Para o domingo quedan as últimas localidades dispoñibles.
Ainé estrea unha aplicación móbil para achegar a súa actividade ao público
A ferramenta reúne nun mesmo espazo a programación de espectáculos, as opcións de compra de entradas, as últimas noticias e os contidos audiovisuais da produtora. Está dispoñible de balde para dispositivos iOS e Android.



