Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións

Despois da súa estrea absoluta en Carballo e do seu paso por distintos escenarios, 'Territorio Regueifa' continúa o seu percorrido con tres novas datas xa pechadas para despois do verán. A xira fará parada no Val do Ubra, Ames e, por primeira vez, cruzará as fronteiras de Galicia para chegar ao Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo.

Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira durante a estrea de 'Territorio Regueifa' en Carballo. Fotografía: Aigi Boga.

Territorio Regueifa seguirá levando a palabra improvisada aos escenarios este outono. O espectáculo ten xa confirmadas tres novas funcións que consolidan o percorrido dun espectáculo que combina teatro, humor, música e improvisación arredor dunha das tradicións orais máis singulares da cultura galega.

A primeira cita será o 17 de outubro no Auditorio Municipal do Val do Ubra. A continuación, o espectáculo vivirá un momento especialmente significativo o 6 de novembro, cando chegue ao Centro Galego de Bizkaia, en Barakaldo, naquela que será a súa primeira función fóra de Galicia. A xira continuará o 19 de novembro na Casa da Cultura de Bertamiráns, no concello de Ames. As entradas para as tres funcións estarán dispoñibles proximamente.

Desde a súa estrea absoluta en febreiro, Territorio Regueifa foi construíndo un percorrido que o levou por distintos escenarios do país, achegando a regueifa a públicos moi diversos. A proposta nace coa vontade de reivindicar esta forma de improvisación oral como un patrimonio vivo, capaz de dialogar coa escena contemporánea sen perder a súa esencia popular.

Sobre o escenario, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Manolo Maseda guían ao público por unha viaxe que percorre as orixes da regueifa, a súa evolución e a súa presenza na actualidade. Ao longo da función conviven escenas teatrais, momentos de improvisación, música en directo e humor, nun espectáculo que tamén reserva un papel protagonista á participación do público.

A proposta recrea momentos históricos e imaxina situacións tan inesperadas como un informativo televisivo contado en verso ou a incorporación das mulleres ao mundo da improvisación rimada, demostrando que a regueifa continúa sendo unha ferramenta viva para contar o presente desde a retranca, a creatividade e a palabra.

Entrada anterior
Xosé A. Touriñán forma parte do elenco de ‘Ágata y Lola’, a nova serie de Atresmedia e Portocabo
Seguinte entrada
Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’

NOTICIAS RELACIONADAS

Portada » Caderno » Máis improvisación oral para despois do verán: ‘Territorio Regueifa’ suma tres novas funcións
Axustes de cookies

As cookies son pequenos arquivos de texto que se gardan no teu navegador cando visitas páxinas web. Esta páxina web emprega cookies propias e de terceiros, que podes permitir ou bloquear nas seguintes pestanas.