Xosé A. Touriñán forma parte do elenco de ‘Ágata y Lola’, a nova serie de Atresmedia e Portocabo
O pasado 12 de xullo chegou a Atresplayer ‘Ágata y Lola’, a nova serie policial rodada integramente en Vigo e recentemente recoñecida como Mellor Serie no Festival Internacional de Series Ría de Vigo.
Ágata y Lola, a serie protagonizada por Eva Martín e Mireia Oriol, vén de recibir o premio á Mellor Serie na segunda edición do Festival Internacional de Series Ría de Vigo, onde o público puido asistir á proxección do seu primeiro episodio.
A produción, impulsada por Atresmedia e Portocabo, constrúe un thriller policial ambientado en Vigo arredor de dúas mulleres moi diferentes entre si: Lola Castro, inspectora da Policía Xudicial, e Ágata Díaz, documentalista policial cun extraordinario talento para a análise criminal. Ao longo de oito episodios, ambas deberán colaborar na resolución de distintos casos mentres desenvolven unha relación profesional e persoal cada vez máis estreita.
Entre o elenco da serie atópase Xosé A. Touriñán, que interpreta a Óscar, exmarido de Lola e pai do seu fillo Mateo. O personaxe forma parte da dimensión máis íntima da protagonista e contribúe a desenvolver algunhas das tramas familiares que acompañan a investigación policial ao longo da serie. A pesar de manter unha relación cordial coa súa exmuller, determinados cambios na súa vida persoal introducirán novos conflitos na dinámica familiar.
A participación de Touriñán súmase a un reparto que reúne tamén nomes como Antonio Garrido, Francis Lorenzo, Eva Fernández, Monti Castiñeiras, Celia Freijeiro, Darío Loureiro, Miguel Canalejo ou Sara Sanz, entre outros.
Rodada integramente en Vigo e na súa contorna, Ágata y Lola reforza a presenza de Galicia como escenario de grandes producións audiovisuais e consolida a colaboración entre produtoras galegas e plataformas estatais. Tras o seu paso polo Festival Internacional de Series Ría de Vigo, a serie pode verse xa na plataforma Atresplayer, antes da súa posterior emisión en Antena 3.
NOTICIAS RELACIONADAS
Vedra, Boqueixón, A Rúa, Portas e Triacastela, as cinco paradas do primeiro percorrido de ‘A Lacena Pequena’
A primeira parada do proxecto será en Ponte Ulla, onde a Lacena desenvolverá unha programación cultural durante os días 18 e 19 de setembro. A iniciativa continuará posteriormente por concellos de menos de 5.000 habitantes.
‘A Lacena Pequena’ comeza en Vedra a súa primeira viaxe
O proxecto itinerante impulsado por Ainé e E-ló Arquitectura levará programación cultural a pequenos núcleos de poboación e dará a coñecer mañá en Ponte Ulla as cinco paradas do seu primeiro percorrido.
‘Aquí Tou!’ regresa ás táboas cunha función especial da man de Touriñán
O monólogo máis persoal do humorista volverá ao Porriño o 26 de setembro cunha función que ten como obxectivo apoiar á Rondalla que participou na película Rondallas.



