Xosé A. Touriñán incorpórase ao elenco da terceira e última tempada de ‘Clanes’
Chega a última tempada da serie producida por Vaca Films. A nova entrega volve reunir a Clara Lago e Tamar Novas como Ana e Daniel, protagonistas dunha historia atravesada polo narcotráfico e as tensións familiares. Xosé A. Touriñán continúa no papel de Nilo nesta última etapa, que pecha o universo narrativo da serie.
Netflix vén de confirmar o futuro lanzamento da terceira e última temporada de Clanes, a serie producida por Vaca Films que se adentra no universo do narcotráfico galego e que se converteu nun dos títulos destacados da ficción recente na plataforma.
A nova entrega volve contar con Clara Lago e Tamar Novas nos papeis de Ana e Daniel, xunto a un elenco que reúne a grandes nomes da escena actoral galega, como Luis Zahera, que interpreta a El Curilla ou Xosé A. Touriñán no papel de Nilo. Tamén figuran actores e actrices como Melania Cruz, Miguel de Lira ou Chechu Salgado, reforzando así a presenza de talento galego nunha produción de alcance internacional.
Nesta terceira tempada, a historia sitúase pouco máis dun ano despois dos acontecementos anteriores. Ana vive agora baixo identidade protexida, lonxe de Cambados, mentres intenta reconstruír a súa vida xunto á súa nai e a súa filla. Pola súa banda, Daniel afastouse tamén do mundo do narcotráfico, aínda que continúa atrapado pola súa relación co pasado e pola súa obsesión por recuperar a Ana.
O equilibrio do universo dos Padín vese ameazado pola chegada dun clan albanés que tenta facerse co control das descargas de droga na zona, o que volve situar os protagonistas no centro dun conflito que rompe calquera posibilidade de estabilidade en Cambados.
A serie está dirixida por Ángeles Huerta e Javier Rodríguez, cun guión de Jorge Guerricaechevarría, mantendo o ton de thriller criminal que caracterizou as entregas anteriores e afondando nas consecuencias persoais e familiares do narcotráfico.
Con esta terceira tempada, Clanes pecha a súa historia, culminando un relato marcado polos vínculos familiares, as lealdades rotas e a tensión permanente entre o pasado e o presente.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



