‘Amoriños’ chega ao Noroeste Estrella Galicia cunha edición especial en Santa Margarida
Despois de percorrer Galicia con máis de corenta funcións e milleiros de espectadores e espectadoras, ‘Amoriños’ chegará ao escenario de Santa Margarida cunha edición especial chea de sorpresas no marco da programación da 39 edición do Festival Noroeste Estrella Galicia.
Amoriños, o espectáculo creado e interpretado por Xosé A. Touriñán e David Perdomo, continúa ampliando o seu percorrido e suma unha nova parada moi especial: o vindeiro 9 de agosto chegará ao Parque de Santa Margarida, dentro da programación da 39º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia.
A proposta, que ao longo dos últimos meses foi enchendo teatros e auditorios de todo o país, formará parte dun dos grandes eventos culturais do verán coruñés cunha función de carácter especial, preparada para a ocasión e con algunhas sorpresas que se irán desvelando proximamente.
A incorporación de Amoriños ao Noroeste Estrella Galicia supón un novo encontro entre unha das propostas escénicas galegas máis soadas da tempada e un festival que leva case catro décadas convertendo A Coruña nun gran escenario ao aire libre.
A 39º edición do Festival Noroeste Estrella Galicia celebrarase a partir do 5 de agosto en diferentes espazos da cidade, con máis de corenta artistas que encherán praias, prazas, parques e lugares emblemáticos da Coruña. A programación combina grandes artistas de diferentes ámbitos, cunha presenza destacada da escena local e unha importante representación feminina.
O cartel desta edición inclúe nomes como Xosé Lois Romero & Aliboria, Rusowsky, Catuxa Salom ou Bala, entre moitos outros, nunha programación que aposta pola diversidade de estilos e pola convivencia entre artistas consolidados e novos talentos, mantendo a esencia dun festival aberto, e pensado para achegar a música e a cultura a todo tipo de públicos.
A función de Amoriños en Santa Margarida prolongará así a viaxe dun espectáculo marcado pola improvisación, o humor e a participación do público para tratar o tema máis universal: o amor. Sobre o escenario, Touriñán e Perdomo constrúen en directo unha proposta na que ningún pase é igual ao anterior, facendo que cada encontro se convirta nunha experiencia única.
As entradas para esta función estarán dispoñibles proximamente.
NOTICIAS RELACIONADAS
Unha nova etapa para ‘Territorio Regueifa’
O espectáculo de Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira ofrecerá tres funcións durante esta fin de semana en Barakaldo e Laudio. Será a primeira vez que a proposta saia de Galicia desde a súa estrea en febreiro.
Zaragoza, a próxima parada do humor de Touriñán
O humorista actuará este sábado no Teatro de las Esquinas, nun percorrido que o levará de novo a Madrid en novembro. A xira continuará en 2027 con novas funcións en Madrid, Valencia, Santander e León.
A xira de ‘Moi Animal’ continúa colgando o cartel de esgotado
A nova proposta de Xosé A. Touriñán estará este venres 30 de outubro no Auditorio Municipal de Ourense, con dous pases, ás 20.30 e ás 23.00 h. A resposta do público continúa acompañando a xira, que xa ten varias funcións completas nas próximas semanas.



