César Martínez Pérez (Bóveda, 1965), coñecido polo nome artístico César Goldi, é actor de cinema, televisión e teatro.
Formado en interpretación, clown e mesmo dobraxe, os seus primeiros traballos son na peza de teatro Coitelos nas galiñas, na serie Mareas Vivas e no filme El año de la Garrapata. Desde entón ten participado en moitos títulos nos tres campos, destacando os seus papeis en series de televisión como O Faro ou Luna, el misterio de Calenda e en espectáculos teatrais como Life is a paripé ou A Ópera dos Tres Reás, polos que foi finalista nos Premios María Casares. Formou parte do elenco de Fariña e, actualmente, da ópera rock Vox Populi de Malasombra Producións.