O Castelo Conta ten como obxectivo poñer en valor da tradición oral a través contos da súa veciñanza, mais “a festa que lle deu a volta á festa” tamén ten oco para concertos, teatro e, por suposto, o humor. O sábado 26 de agosto é o Día Grande do Castelo Conta, unha longa xornada que comeza ao xantar e remata de madrugada. Logo da andaina e da cea, terá lugar a tradicional noite de monólogos, espectáculo que é a orixe do que hoxe en día é o festival.
A noite do sábado reunirá a nove dos mellores humoristas de Galicia. Presentado por Touriñán, ao longo da noite subiranse ao escenario David Amor, Pepo Suevos, Marita Martínez, Lucía Veiga, David Perdomo, Federico Pérez, Patricia Castrillón, Noemi Rodríguez e Rober Bodegas. A noite de monólogos converteuse nun clásico onde os cómicos e cómicas mesturan as súas actuacións con dinámicas de improvisación e con música.
Máis contos e risas
O Castelo Conta ofrece máis humor con ‘Corentena’, de David Perdomo e Touriñán. Os dous cómicos levan agora ao escenario as conversas que mantiñan a través de Instagram durante o confinamento do 2020. O xoves 24, o público compartirá espazo presencial con eles para revivir conversas, personaxes e repetir risas.
O martes 22, de balde, Celso Sanmartín chega a Castelo para contar contos, como só el sabe facer. A súa labor pola preservación e difusión da tradición oral galega fíxoo merecedor do Premio Rebulir da Cultura Galega no 2022.
Un ano mais, o Castelo Conta colabora coa FAXPG co obxectivo de ser máis accesible. Tanto a Noite de Monólogos como ‘Corentena’ contarán con signado en directo para continuar achegando a comedia en directo ás persoas xordas.
As entradas para o Castelo Conta están á venda en casteloconta.gal e nos puntos de venda físicos do festival: na nosa oficina de Ainé (A Coruña), Q! Impresión (O Burgo) ou no Local Social de Castelo.