O Castelo Conta ten como obxectivo poñer en valor a oralidade e conservar a memoria a través dos contos transmitidos polos maiores da parroquia. Así que a organización do festival programa polas tardes os Contos de Castelo (desde o luns 21 ata o venres 25 de agosto) en diferentes aldeas para que veciños e veciñas narren lendas, anécdotas, mitos, historias… todo ten cabida para crear comunidade e que a sabedoría deles non se perda.
Ademais de poder compartir esta experiencia de xeito físico, nesta edición os Contos de Castelo tamén se converterán nun programa en formato podcast feito para escoitar onde e cando se queira. Así, as conversas e a memoria quedarán recollidas para achegalas a un público máis amplo.
Estes programas serán conducidos por Carlos Blanco, David Amor, Moncho Viña, Alfonso Hermida, Nacho Carretero, Arturo Lezcano e Marga Pazos. Eles propoñerán diferentes temas cada día, achegarán as súas diferentes vivencias, contarán con convidados especiais e, sobre todo, aprenderán coas historias que teñen que contar as veciñas e veciños de Castelo.
Toda a programación do festival pódese consultar en casteloconta.gal.