Comezamos o mes de setembro con Códice K percorrendo Galicia. Logo de retomar a xira iniciada en Santiago de Compostela na semana de teatro de Cee, o espectáculo dirixido por Tito Asorey pasou por Lalín e chega esta fin de semana á Coruña e a Vigo. As entradas para o pase deste venres, día 8, no Teatro Colón están practicamente esgotadas e restan poucas tamén para o sábado 9 no Auditorio do Teatro Afundación.
Códice K conta a historia do roubo do Códice Calixtino desde o punto de vista das mulleres que arrodearon o caso e nas que nunca estivo posta a atención mediática. Con apariencia de “true crime”, este espectáculo escrito por Manuel Cortés mestura con axilidade o humor, co documental e coa ollada ao drama desta historia rocambolesca.
Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón métense na pel das diferentes personaxes que compoñen a explicación non oficial do caso do roubo do Códice a mans de Manuel Castiñeiras. E é que todos sabemos xa como acabou, pero poucas veces chegamos ao por que do roubo e as estrañas e cómicas circunstancias que rodearon todo o caso.
A ambientación visual, deseñada por Laura Iturralde é unha parte moi importante desta peza que tamén conta coa música en directo de Russ, quen acompaña o proceso da investigación dende o alto, coma un anxo cantor.
A xira continúa neste mes de setembro en Negreira, o día 15, e logo estará no Auditorio Municipal de Rianxo o sábado 23. As entradas para todas as paradas da xira están á venda en codicek.gal e na web de Ataquilla.