O espectáculo ‘Códice K’ estreouse o pasado mes de marzo en Santiago de Compostela colleitando as risas dun público entregado que encheu as dúas funcións que tiveron lugar no Teatro Principal. Tralo éxito da estrea, a comedia sobre o roubo do Códice Calixtino comeza xira e a primeira parada é en Cee (A Coruña) no marco da IX Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna! A cita é o vindeiro sábado, 19 de agosto, ás 21:30 horas no Auditorio Baldomero Cores. As entradas estarán dispoñibles na billeteira antes da función.
A historia que nos contaron xa a sabemos: en xullo de 2011 desaparece o Códice Calixtino e en 2012, xusto un ano despois, a policía recupera o libro, agochado no garaxe do electricista da catedral, Manuel Fernández Castiñeiras. Pero que pasou en todo ese tempo? Investigacións, sospeitas, seguimentos, interrogatorios… ‘Códice K’ é o que non se sabe porque nunca se contou, é a historia extraoficial en ton de comedia deste famoso roubo que tantas especulacións espertou hai xa máis de 10 anos.
‘Códice K’ conta con dramaturxia de Manuel Cortés e a dirección de Tito Asorey co asesoramento artístico de Noemi Rodríguez. Sobre o escenario, Lucía Veiga, Marita Martínez, Graciela Carlos e Patricia Castrillón métense na pel das múltiples personaxes femininas da historia, en cuxos diálogos tamén participaron as intérpretes durante o proceso de improvisación dos primeiros ensaios. As catro actrices están acompañadas en escena pola dj e produtora Russ quen, convertida en anxo, se encarga da música e ambientación en directo desde un altar da escenografía. A música é un elemento fundamental nesta montaxe, achegando un ritmo moi áxil a todo o espectáculo.
Xira por Galicia
Trala función de Cee, o espectáculo continuará a xira por Galicia con datas confirmadas en Lalín (1 de setembro), A Coruña (8 de setembro), Vigo (9 de setembro), Negreira (15 de setembro), Rianxo (23 de setembro) e Carral (20 de outubro). As entradas están xa á venda en codicek.gal.
Función de ‘Parasimpáticas’ en Cee
Ao día seguinte de ‘Códice K’, as cómicas Marita Martínez e Lucía Veiga ofrecerán ao público ceense unha boa dose de humor con ‘Parasimpáticas’. Neste espectáculo dúas neuronas organizan unha Xunta Extraordinaria Neuronal para analizar a materia gris galaica e estimular novas conexións galaico simpáticas. Cada punto da orde do día leva ás neuronas asistentes a percorrer lugares comúns do consciente colectivo, no que a versión galega sempre é moito mellor. Porque o galego é un estado mental. A cita é o domingo 20 de agosto, ás 21:30 horas, no Auditorio Baldomero Cores de Cee e as entradas estarán á venda na billeteira ese mesmo día.