O Castelo Conta regresa este luns 22 con moitas novidades
O festival que dirixe Xosé A. Touriñán desenvolverá a súa VII edición do 22 ao 28 de agosto en Castelo, Culleredo. Esta nova edición chega logo de 2 anos sen celebrarse por causa da situación sociosanitaria, medrando en contidos e tamén reforzando o seu compromiso co medio natural e coa veciñanza de Culleredo

Durante toda a semana, Castelo encherase de música, espectáculos de humor, teatro, actividades para os cativos, xuntanzas coa veciñanza, accións orientadas á conservación do patrimonio natural… e moita festa! Sés, Guadi Galego, Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, Xurxo Fernandes, Moura, Caamaño&Ameixeiras e Russinha entre outros serán os encargados de poñer música a unha semana na que o público desfrutará de espectáculos como Somos Criminais 3, Hoy puede ser mi gran noche, As fillas bravas de Momán ou a Gran Noite de Monólogos, conducida por Touriñán e coa participación de Noemi Rodríguez e Darlene Rodríguez, Javier Veiga, Oswaldo Digón, David Amor, David Perdomo, Pepo Suevos, Patricia Castrillón e Isabel Risco.
De luns a venres, as mañás serán para os máis cativos, coas actividades da Xente Miúda do Castelo Conta, e tamén poderán desfrutar cos espectáculos Quixote e Saaabor!. Nas tardes, os veciños máis maiores toman a palabra nos Contos de Castelo, uns encontros de recuperación da memoria oral de Castelo conducidos por Tone Martínez. Este ano, recuperarase a figura de Finita Gay e a súa imaxe quedará retratada no Centro Social cun mural de gran formato do artista Mon Devane. A programación completa pode consultarse na web do festival.
Ampliando os compromisos
Mantendo o espírito de calquera celebración popular en Galicia, decidiuse avanzar cara unha programación sostible no económico, pero tamén no medioambiental e no social. Así, os espectadores que decidan achegarse ao festival atoparán novidades como que os dous grandes espectáculos de comedia contarán con intérpretes en lingua de signos grazas a un acordo de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. A campaña #SenPlásticosNoMonte evitará a presenza de plásticos dun só uso durante todas as actividades e eventos da semana e tamén contrataranse para realizar tarefas de produción usuarios da Asociación Mestura, que traballa desde Culleredo pola integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornadas.
O Castelo Conta é unha iniciativa impulsada polos veciños e veciñas de Castelo e recibe o apoio do Concello de Culleredo, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Xacobeo 21·22 ademais do patrocinio de Estrella Galicia, Deleite, Bodegas Méndez-Rojo e Nordesía.
NOTICIAS RELACIONADAS
Touriñán chega hoxe a Vilalba con ‘Moi Animal’
O Auditorio Municipal Carmen Estévez acollerá dúas funcións do novo monólogo do humorista, que aborda en clave de comedia a nosa relación cos animais e as contradicións da especie humana.
‘A Lacena Pequena’ chega a Portas cunha xornada adicada aos oficios, a poesía e a música
A Fábrica da Azucreira acollerá este sábado unha programación con demostracións de cestería, costura e tornería, un recital poético e un concerto da banda infantil da Escola de Música de Portas.
Ainé súmase á WordCamp Galicia 2026 como patrocinadora bronce
A produtora súmase á WordCamp Galicia, que se celebrará na Coruña do 16 ao 18 de outubro. Unha colaboración vinculada ao uso de WordPress nas webs de Ainé e os seus espectáculos.


