O festival que dirixe Xosé A. Touriñán chega á súa sétima edición ampliando a súa programación, pero tamén adquirindo novos compromisos nos eidos social e medioambiental, e é xa un dos maiores eventos culturais sen ánimo de lucro de cantos se celebran en Galicia
O 22 de agosto do 2019, Xosé A. Touriñán subía ao escenario principal do Castelo Conta para presentar o primeiro concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre en Castelo -repetirá este ano, o venres 26, xunto con Guadi Galego-. De entre distintas mensaxes, unha importante: empregábanse por primeira vez nas festas da súa aldea vasos de plástico biodegradable nas barras. Aquela acción, que supoñía para a organización un sobrecusto de case un 40%, era o comezo dunha serie de accións que máis adiante adoitarían os responsables doutros eventos deportivos e culturais en Castelo. Baixo o paraugas da campaña #SenPlásticosNoMonte, comezaban unha serie de accións de concienciación medioambiental desde o centro neurálxico do pulmón verde da comarca da Coruña, o Monte Xalo.
O Castelo Conta celébrase desde o ano 2014 como evolución das tradicionais festas do San Ramón na parroquia de Castelo (Culleredo), na que naceu e vive Touriñán. Logo dun par de décadas recibindo a milleiros de persoas nas verbenas máis multitudinarias da zona, a Comisión de Festas decidiu que era momento de cambiar.
Mantendo o espírito de calquera celebración popular en Galicia -na programación do San Ramón deste ano non faltan a tradicional alborada, a romaría e as misas no Campo da Capela do San Ramón, ou a churrascada-, decidiuse avanzar cara unha programación sostible no económico, pero tamén no medioambiental e no social.
O Castelo Conta, que chega á súa sétima edición, anunciou nestas semanas algunhas das novidades que desfrutarán os espectadores que decidan achegarse ao festival: os dous grandes espectáculos de comedia contarán con intérpretes en lingua de signos grazas a un acordo de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, e contrataranse para realizar tarefas de produción a usuarios da Asociación Mestura, que traballa desde Culleredo pola integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornadas.
A perspectiva medioambiental estará tamén presente no festival deste ano: darase continuidade á campaña #SenPlásticosNoMonte, desta volta, co emprego de vasos de cartón para todas as bebidas, aos que se sumarán outros de PET proporcionados por Estrella Galicia pensados para reutilizar. Para as comidas distribuiranse cubertos de madeira e pratos de cartón.
Estas accións completaranse cunha serie de actividades no marco de Xente Miúda do Castelo Conta, a programación infantil do festival, que permitirá ás cativas e cativos prantar especies autóctonas no Monte Xalo, ou coñecer técnicas de autocultivo, ademais de aprender sobre a flora do Monte Xalo nunha andaina dirixida por expertos en educación medioambiental.
O Castelo Conta, que se celebra grazas ao traballo desinteresado das veciñas e veciños de Castelo, aos que se suma o equipo da asociación Castelo Deporte e de Ainé, medra xerando duplicando o impacto económico en relación a anteriores edicións, e é xa un dos grandes eventos sen ánimo de lucro de cantos se celebran en Galicia.